O Concello da Pastoriza impulsa a ampliación e mellora do polígono industrial co apoio da Xunta

TerraChaXa
A actuación contempla a dotación de beirarrúas, rede de saneamento e canalización eléctrica
poligono-industrial-a-pastoriza
30 Sep 2025

O equipo de goberno da Pastoriza vén de anunciar un proxecto de mellora e ampliación do parque empresarial do municipio, co obxectivo de responder ao interese de varias compañías que manifestaron a súa intención de instalarse nesta superficie industrial. A iniciativa conta cunha axuda da Consellería de Economía e Industria que ascende a 96.000 euros, acadada a través dunha convocatoria de concorrencia competitiva, e suporá un investimento que supera os 109.000 euros.

O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, sinala que a previsión é que as obras estean concluídas antes de finalizar o ano. A actuación contempla a dotación de beirarrúas, rede de saneamento e canalización eléctrica, co fin de deixar plenamente equipadas unhas catorce parcelas, que se distribuirán en solares de arredor de mil metros cadrados. Estas parcelas poñeranse á venda a un prezo reducido, coa intención de atraer empresas que xeren emprego e impulsen a economía local.

Ademais, o executivo municipal prevé que a venda destes terreos permita dispoñer de recursos económicos para adquirir solo apto co que impulsar a construción de vivenda pública, outra das necesidades que o Concello considera prioritarias para o futuro inmediato.

Nunha liña paralela, no último pleno acordouse solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a cesión das vías e das zonas verdes do polígono, así como a reversión dos terreos municipais que foran cedidos a este organismo no ano 1993. A medida abrangue a totalidade do parque empresarial, cunha superficie próxima aos 60.000 metros cadrados, e permitirá que a titularidade destas infraestruturas pase a depender directamente do Concello da Pastoriza.

⚙ Configurar cookies
0.088207960128784