O Concello da Pastoriza prorroga o orzamento municipal ata 2026 por máis de 3,5 millóns de euros

O Concello da Pastoriza aprobou a prórroga do orzamento municipal vixente, correspondente ao exercicio 2024, que se estenderá ao ano 2026 ao non terse aprobado un novo presuposto dentro dos prazos legais establecidos. A decisión formalizouse mediante resolución da Alcaldía-Presidencia, asinada polo alcalde, Darío Cabaneiro Santomé.
O orzamento prorrogado ascende a un total de 3.513.462,53 euros, tanto no estado de ingresos como no de gastos, unha vez aplicados os axustes á baixa derivados de ingresos non recorrentes e de determinadas partidas que non se executarán no novo exercicio. A resolución apóiase na lexislación vixente en materia de facendas locais, que establece a prórroga automática do orzamento anterior cando non entra en vigor un novo antes do inicio do exercicio económico.
No apartado de ingresos, os impostos directos seguen a ser a principal fonte de financiamento, con máis de 1,15 millóns de euros tras os axustes aplicados. As transferencias correntes mantéñense como outro dos piares fundamentais, superando os 1,6 millóns de euros, mentres que as taxas, prezos públicos e outros ingresos acadan arredor de 652.000 euros. O total inicial de ingresos, fixado en 3,86 millóns de euros, viuse reducido por axustes á baixa por importe de 346.537,47 euros, ata acadar a cifra definitiva prorrogada.
En canto aos gastos, os gastos de persoal, se manteñen en 727.275,53 euros. Os gastos en bens correntes e servizos sitúanse en algo máis de 2,58 millóns de euros tras a minoración aplicada, mentres que os investimentos reais quedan reducidos a 41.822 euros como consecuencia da supresión de partidas vinculadas a actuacións xa executadas ou non financiadas no novo exercicio. Tamén se elimina a dotación do fondo de continxencia e redúcense determinadas transferencias correntes e gastos financeiros.
A resolución establece igualmente que non se prorrogan aquelas partidas vinculadas a amortizacións de préstamos xa finalizadas nin ingresos de carácter puntual percibidos no exercicio anterior. Así mesmo, no capítulo de transferencias de capital só se mantén a achega municipal correspondente ao Plan Deputación ou ao Plan Marco, que son subvencións que se conceden anualmente.