O Concello das Pontes acometará novas obras na avenida de Ortigueira

O Concello das Pontes, co financiamento da Deputación da Coruña, acometerá as obras da terceira fase do proxecto de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Ortigueira.
O proxecto, con orzamento de 257.835 euros ten como obxectivo prioritario continuar mellorando a accesibilidade da rúa, eliminando o desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas así como mellorar os servizos de iluminación e saneamento, dándolle continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade levada a cabo polo Concello das Pontes no centro urbano.
Entre os traballos previstos inclúense a renovación da rede de saneamento, mediante a implantación dunha rede separativa, a conexión coas saídas das vivendas e tamén está prevista a execución dunha rede separativa de pluviais, nas dúas marxes, coa instalación dos sumidoiros e o recrecido dos pozos de rexistro.
Así mesmo, procederase á instalación de alumeado público, un traballo que inclúe a execución da canalización eléctrica, a colocación de cable eléctrico, a eliminación de farois existentes e colocación de novas luminarias. Ademais no paso peonil instalaranse faros LED para cada sentido de movemento e sinais luminosos de paso de peóns.
En canto ás beirarrúas que actualmente presentan unha forte pendente cara á calzada,
provocando molestias e mesmo inaccesibilidade aos usuarios da vía, solucionarase mediante a renovación das beirarrúas con baldosas do mesmo estilo que as das beirarrúas no tramo anterior da avenida de Ortigueira, e reformando o rasante para reducir pendente transversal.
Os traballos concluirán coa instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a reposición da sinalización en toda a rúa.