O Concello das Pontes acomete a obra de mellora da marxe esquerda da rúa Rego do Muíño

TerraChaXa
Tamén actuará nun tramo da Rúa Areosa nun proxecto que ten un orzamento de 308.900 euros, procedentes da Deputación da Coruña
rua-rego-do-muino-as-pontes
10 Mar 2025

O Concello das Pontes ten previsto acometer a mellora da beirarrúa e os servizos na marxe esquerda da Rúa Rego do Muíño e nun tramo da rúa Areosa.

Os traballos, cun orzamento de 308.900 euros, con cargo á Deputación da Coruña levaranse a cabo nunha das arterias principais da mobilidade da localidade e permitirá a renovación dos servizos urbanos de saneamento e alumeado así como a renovación do pavimento seguindo o modelo das intervencións realizadas recentemente en rúas da contorna.

Así procederase á substitución do pavimento da beirarrúa por un novo solado de baldosas hidráulicas, agás arredor das árbores, onde se utilizará pavimento drenante e en orde a garantir a accesibilidade universal, proxéctase a supresión daqueles elementos e cambios de nivel que supoñen unha barreira no desprazamento das persoas con problemas de mobilidade e executarase un itinerario peonil accesible, ampliando a beirarrúa existente.

Ademais a carón do acceso ao local de Aspanaes na rúa Areosa proponse a execución dun itinerario peonil seguro desde a saída do centro, así como a execución dun paso peonil nas proximidades, de xeito que se posibilite ás persoas usuarias do centro e ás súas familias transitar con seguridade pola contorna.

No tocante ás redes de servizos, a de saneamento executarase segundo un modelo de tipo separativo pluviais – residuais cumprindo a vontade do órgano promotor de ir substituíndo progresivamente as vellas redes unitarias por redes separativas cara unha mellor xestión do ciclo da auga.

A substitución da rede de alumeado realizarase con tendido soterrado e farois con luminarias LED e separación entre elementos asegurará a uniformidade lumínica esixida pola normativa de aplicación, garantindo a accesibilidade en condicións de seguridade ao tempo que se incrementa a eficiencia enerxética grazas ao baixo consumo de electricidade.

Para acometer esta transformación da rúa, con carácter previo será necesario, por tanto, proceder á demolición dos pavimentos e das redes de servizos que se pretende substituír, así como levar a cabo as escavacións e movementos de terras necesarios para albergar as novas redes de servizos.

Equiparase o ámbito con 3 bancos, 3 papeleiras e 7 xardineiras. Todos os modelos seleccionados son de madeira certificada resistente á intemperie e os traballos rematarán coa reposición da sinalización vertical e horizontal.

⚙ Configurar cookies
0.28170895576477