O Concello das Pontes acometerá a reforma integral da rúa Cabanas
O Concello das Pontes, con fondos provenientes do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2019, acometerá a reforma integral da rúa Cabanas.
Esta actuación permitirá, por unha banda, mellorar o servizo público municipal de saneamento e, por outro lado, a substitución dos pavimentos das beirarrúas e da calzada, ó longo de todo o viario.
Así, está proxectada a execución dunha nova rede separativa de recollida de augas pluviais e a creación dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida nas acometidas das vivendas.
A reposición do pavimento das beirarrúas levarase a cabo seguindo a mesma liña estrutural, funcional e estética deseñada polo goberno local para o centro urbano, con sobreanchos no inicio e fin das mesmas co obxectivo de garantir a seguridade dos peóns, mellorando a súa visibilidade e facendo máis cómoda a súa estadía durante os tempos de espera para cruzar a rúa.
Asemade, este proxecto permitirá ó goberno local continuar coa súa folla de ruta para impulsar a mobilidade nos viarios públicos do municipio, poñendo o foco de atención nos peóns, suprimindo as barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida e empregando lastras peonís adaptadas, con botóns e bandas unidireccionais, para persoas invidentes para avanzar cara a accesibilidade universal.
Rematados os traballos de repavimentación das beirarrúas procederase ó aglomerado do viario e, o proxecto concluirá coa dotación de bancos, papeleiras e xardineiras, coa sinalización horizontal precisa e coa recolocación dos sinais verticais e portacolectores.