O Concello das Pontes acorda cos veciños a utilización do local de usos múltiples da área recreativa Xosé Ferro
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, mantiveron, a semana pasada, unha reunión cos representantes das asociacións veciñais do municipio co obxectivo de acordar a utilización do local de usos múltiples da área recreativa Xosé Ferro.
Durante o encontro, que tivo lugar nas novas instalacións, o alcalde explicou ós representantes veciñais que a ordenanza de usos, en período de consulta pública, ten como obxectivo optimizar a utilización da instalación polo que “a normativa outorga prioridade ás asociacións, que poderán realizar ata tres reservas ó ano por solicitante e establece, en función do número de usuarios, a reserva dun dos espazos ou da súa integridade, tratando de racionalizar o seu uso”.
González Formoso recordou que a ordenanza establece a cesión do local para a posta en marcha de actividades socio-culturais, encontros entre veciños, asociacións, colectivos e demais entidades integrantes da vida municipal, para festas e celebracións particulares ou veciñais así como para actividades promovidas por entidades privadas ou públicas que beneficien á veciñanza.
Neste sentido apuntou que non se contempla a reserva, en exclusividade, do uso da instalación para a venda de polbo; postura coa que coincidiron os representantes veciñais que amosaron o seu apoio á continuidade do servizo, os días 1 e 15 de cada mes, no exterior do edificio de usos múltiples, para que deste xeito o uso privado non inflúa no uso público do local.
Por outra banda, o alcalde tamén anunciou que, proximamente entrará en vigor a ordenanza fiscal que fixará un prezo de aluguer, testemuñal, a través do que “se quere propiciar o bo uso e fomentar a posta en marcha de actividades culturais, sociais e de lecer, tanto de carácter asociativo como individual, velando polo mantemento e conservación dos espazos públicos de titularidade municipal”.