O Concello das Pontes adxudica o segundo plan de limpeza de camiños

TerraChaXa
O Concello das Pontes adxudicou esta semana, en Xunta de Goberno Local, o segundo plan de limpeza de marxes e gabias nas estradas e camiños de titularidade municipal á empresa pontesa TYC Canosa.
5 Ago 2019

O Concello das Pontes adxudicou esta semana, en Xunta de Goberno Local, o segundo plan de limpeza de marxes e gabias nas estradas e camiños de titularidade municipal á empresa pontesa TYC Canosa.

Este proxecto, que ten un prazo de execución de aproximadamente un mes, permitirá mellorar a drenaxe en preto de 60 quilómetros de viarios e evitar a deterioración ambiental.

As actuacións previstas permitirán previr os desbordamentos, a erosión da capa de rodadura e a aparición de fochancas, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio. Os traballos de limpeza tamén están dirixidos a protexer a cuberta vexetal autóctona para evitar a proliferación de especies vexetais invasoras e a conseguinte degradación ambiental.

Estes traballos, que inclúen tamén a limpeza de tubos atrancados, a sucidade das marxes e a roza da vexetación existente para devolver as cunetas e gabias ao seu estado orixinal, suporán unha inversión de 88.270 euros, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2019.

Serán varios equipos os que traballen na limpeza de marxes e cunetas mediante o emprego de medios mecánicos e, as tarefas de acondicionamento realizaranse en todo o ancho da cuneta.

As actuacións acometeranse en zonas moi transitadas, nas que os riscos de deterioración son altos e levaranse a cabo, entre outros lugares, en Vilariño, Gondré, Cabeza de Vaca, Forgoselo, O Bidueiral, Niño do Azor, Cameleiros e Lamelas, actuacións que se sumarán aos traballos de limpeza, mantemento e preservación da seguridade viaria que, desde fai anos, o Concello das Pontes levan a cabo nos viarios municipais.

0.1086859703064