O Concello das Pontes aproba a ordenanza municipal de terrazas
O Pleno do Concello das Pontes aprobou, cos votos a favor do PSOE e o PP e a abstención do BNG a ordenanza municipal que regulará a instalación de terrazas en vía pública.
O obxectivo desta norma é, en palabras da concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena, “establecer un marco normativo que permita compatibilizar ás necesidades do sector de maximizar a súa actividade ao aire libre, debido á situación sanitaria vixente por causa da Covid19, o fomento do desenvolvemento da actividade hostaleira da vila, que redunda na economía, no emprego e no turismo, coa garantía da calidade de vida da veciñanza”
Nese sentido, Elena López, concelleira de Comercio e Hostalería apunta que “este aproveitamento do espazo público debe realizarse dun xeito ordenado para garantir a protección dos dereitos da veciñanza, a seguridade pública, a tranquilidade e o descanso, a accesibilidade e a mobilidade, velando pola protección do medio ambiente e a paisaxe urbana”
Así, a nova norma propón un tratamento das terrazas desde un punto de vista integral, que contempla cuestións como a racionalización do espazo publico ocupado, cuestión estéticas, tipoloxías de terrazas, aspectos relacionadas coa accesibilidade ou a temporalidade da instalación das terrazas ou horarios, tendo en especial consideración as características urbanas dos diferentes ámbitos para determinar, deste xeito, o tipo de terrazas que se poden instalar, a súa localización ou superficie de ocupación.
Por outra banda, para garantir a correcta aplicación e desenvolvemento da nova ordenanza reguladora, a propia norma contempla a creación dunha comisión especial de terrazas para o asesoramento, seguimento, coordinación e control das mesmas.
A ordenanza entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e desde ese momento, os hostaleiros e hostaleiras, que xa dispoñan de terrazas, disporán dun prazo de 3 anos para adaptarse á nova normativa. As autorización para a modificación das terrazas existentes ou para instalar as novas terrazas deberán solicitarse ao Concello das Pontes.