O Concello das Pontes aproba un orzamento de 16 millóns de euros para o ano 2020

TerraChaXa
O Pleno do Concello das Pontes aprobou onte, durante unha sesión extraordinaria, cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e do PP e o voto en contra de Xuntas polas Pontes En Común, o orzamento xeral para o ano 2020, que ascende a 16.
qrf
16 Jun 2020

O Pleno do Concello das Pontes aprobou onte, durante unha sesión extraordinaria, cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e do PP e o voto en contra de Xuntas polas Pontes En Común, o orzamento xeral para o ano 2020, que ascende a 16.045.017,10 euros, así como o cadro de persoal, as normas de execución do propio orzamento e o plan económico financeiro.

Durante a sesión plenaria, que se celebrou de forma telemática, a concelleira de Facenda, Maite Méndez, fixo fincapé en que “se trata dun orzamento deseñado por e para a veciñanza no que se van desenvolver diferentes accións coas que se dará cobertura a todas as necesidades da veciñanza de As Pontes en materia social e económica”.

Neste senso, Méndez remarcou que “é o mellor orzamento que se pode deseñar, desde a prudencia, tendo en conta a situación actual do municipio agravada pola crise sanitaria provocada pola pandemia do COVID19 asentándose en dous eixos fundamentais; impulsar a reactivación da economía local e garantir o benestar social e acceso aos servizos de toda a veciñanza, a través de diversas actuacións promovidas desde a concellería de Industria e Emprego, a concellería de Comercio, Hostalería e Turismo e a Concellería de Benestar Social”

En relación aos gastos que están previstos afrontar desde o Concello, Maite Méndez destacou, que “case o 67% do orzamento municipal para o ano 2020 estará destinado a mellorar a situación socioeconómica dos veciños e veciñas de As Pontes mediante unha inxección directa de máis de medio millón de euros a través de axudas a microempresas, persoas autónomas e familias que, debido á situación actual de emerxencia sanitaria, se viron afectadas por un ERTE ou remataron no paro, reforzando as liñas de axudas directas de todas as iniciativas empresarias de nova creación ou mediante a formación e a contratación directa, o impulso da obra pública así como a través de accións orientadas á reactivación comercial, hostaleira e turística do municipio ”

A edil tamén subliñou que o orzamento destinado á Concellería de Benestar Social incrementouse en 1.3 millóns con respecto ao anterior orzamento “o que nos permite manter todos os programas que xa existían, aumentado as partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar, ás axudas para estudos ou incrementar a partida destinada a emerxencia social, realizar unha achega ao banco de alimentos e suplementar, con fondos propios, novos programas tales como o programa de Educación Familiar e Atención Temperá ou crear unha liña de axudas enfocadas a contribuír á recuperación da economía das familias da localidade afectadas pola crise laboral derivada da pandemia, así como sufragar a adquisición de EPIS para o persoal municipal e para o tecido social e comercial da localidade, entre outras actuacións”.

Áreas de gasto

O orzamento aprobado pola corporación municipal divídese en cinco grandes áreas de gasto, que establece os obxectivos e finalidades que persegue o grupo de goberno para o ano 2020.

Así, o 27,85% do orzamentos, 4,4 millóns de euros, irá destinado aos servizos públicos básicos, de obrigada prestación por parte do Concello e dentro dos que se engloban servizos como a seguridade e a mobilidade cidadá, a luz, a auga, o servizo de recollida de lixo ou o mantemento de parques, zonas verdes e o lago, entre outros.

As actuacións en materia de protección social e promoción social, dentro das que se inclúen as pensións do persoal do Concello, a atención a grupos con necesidades especiais así como medidas de fomento do emprego, representan o 19,1% do orzamento con algo máis de 3 millóns de euros.

Todos aqueles gastos que realiza en Concello das Pontes en materia de sanidade, educación, cultura, deporte, lecer e tempo libre, e en xeral todas aquelas actividades e actuacións destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas englóbanse dentro da área de gasto de produción de bens públicos de carácter preferente cunha dotación orzamentaria que rolda os 3,5 millóns de euros (21,5% do orzamento)

Por outra banda, todas aquelas actuacións económicas, dirixidas a potenciar os distintos sectores de actividade así como os gastos en infraestruturas básicas e de transporte, infraestruturas agrarias, comunicacións, investigación ou desenvolvemento e innovación terán unha consignación no orzamento que rolda os 1,4 millóns de euros, algo máis do 9,6% do mesmo

Finalmente, a todas as actuacións de carácter xeral que afectan ao funcionamento diario do Concello irán destinados 3,6 millóns de euros, un 22,8% do orzamento do Concello das Pontes para o ano 2020.

Maite Méndez fixo especial fincapé no capítulo dos investimentos que están previstos realizar durante este exercicio polo Concello das Pontes, algo máis dun millón de euros, que permitirá acometer diversas obras tanto no ámbito rural como no caso urbano.

Entre outras actuacións atópase o acondicionamento exterior do edificio da Asociación Veciñal de San Pedro de Eume, a mellora da cuberta de escola infantil a Barosa, a insonorización do cine, o acondicionamento da pista de karts ou a reforma do baixo do mercado, proxectos que, case na súa totalidade, están dirixidos a axudar a reactivar a economía e contribuír a aumentar e manter o emprego.

Ingresos

O orzamento para o ano 2020 prevé uns ingresos de 16.045.017,10 euros procedentes de impostos directos (IBI, BICES ou IVTM) e indirectos (ICIO), a cobranza de taxas e outros impostos (servizos deportivos, servizos educativos, servizos culturais, licenzas urbanísticas, etc), as transferencias correntes realizadas por outras administracións así como os ingresos patrimoniais (arrendamentos leiras urbanas, concesións administrativas, etc.)

“Trátase dun orzamento equilibrado en ingresos e gastos, que se incrementa en case 700.000 euros con respecto ao orzamento anterior. Cando se fai o cálculo de previsión dos ingresos que vai recibir o Concello, sempre mantendo o principio de prudencia , é necesario lembrar que somos un municipio con débeda cero e que temos un remanente de tesourería próximo aos 6 millóns de euros que poderiamos investir naquelas accións que se mostrasen como prioritarias e esenciais para evitar que ningún dos nosos veciños quede atrás” subliñou a titular de Facenda.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18156695365906