O Concello das Pontes convoca un concurso para atopar "o recuncho favorito"

TerraChaXa
O prazo para inscribirse e presentar as fotografías comeza o día 26 de febreiro e remata o 11 de marzo de 2022. O
elena lopez concelleira turismo as pontes
26 Xan 2022

O Concello pon en marcha o concurso O meu recuncho favorito das Pontes, un certame na rede social Instagram que convida á cidadanía a subir fotografías do municipio para mostrar e descubrir os elementos máis destacados da vila.

Elena López, concelleira de Turismo, apunta que “o obxecto desta convocatoria é aproveitar a capacidade creativa da cidadanía no terreo da fotografía dixital, á vez que se busca xerar contido enriquecedor nas redes sociais, facendo que sexa a veciñanza a que promocione e dea a coñecer os recursos turísticos da vila, amosando os aspectos que consideran máis relevantes da localidade e aproveitando a viralidade de Instagram”.

As persoas interesadas en participar neste concurso deberán facer unha fotografía, con teléfono móbil ou outro dispositivo fotográfico, e publicala en Instagram cos cancelos do certame (#mirinconfavorito e #mirinconfavoritodeaspontes) e cubrir un formulario de inscrición.

Cada unha das persoas que participen neste concurso poderán presentar tantas fotografías como o desexen, sendo obrigatorio encher o formulario de inscrición para cada unha das imaxes presentadas.

A fotografía deberá ir acompañada dunha pequena descrición que formará parte da obra e que será tida en conta polo xurado, composto por profesionais do sector audiovisual, á hora de elixir os traballos gañadores. O formato e a extensión do texto é libre e permítese a inclusión de emoticonos.

Neste concurso poderán participar todas as persoas que o desexen sen importar idade ou lugar de nacemento. O único requisito é que a obra presentada estea realizada no municipio das Pontes.

O certame contará con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo premio dotado con 100 euros. A obra gañadora do primeiro premio será impresa en diversos materiais promocionais (postais, adhesivos e pósteres) que a recoñecerán como o traballo máis destacado do certame. Ademais, o primeiro premio optará aos premios da iniciativa nacional de CortoEspaña “Mi rincón favorito”, organizada con motivo do Día Mundial do Turismo.

O prazo para inscribirse e presentar as fotografías comeza o día 26 de xaneiro e remata o 11 de marzo de 2022. O nome das persoas gañadoras darase a coñecer o día 31 de marzo de 2022.

0.090807914733887