O Concello das Pontes dá luz verde á cesión dos terreos de Pardo Bazán para a construción da casa de apoio aos maiores

O Concello das Pontes deu hoxe un paso fundamental para o benestar das persoas maiores da vila e da comarca do Eume ao aprobar por unanimidade o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña.
Este acordo permitirá a cesión do uso dos terreos da antiga escola Pardo Bazán para a construción e posta en marcha do innovador proxecto piloto da Casa de Acompañamento a Persoas Maiores, un centro pioneiro que ofrecerá servizos especializados e actividades destinadas a promover o benestar físico e emocional, fomentando unha vida activa, digna e plenamente integrada na comunidade.
O alcalde, Valentín González Formoso, destacou o respaldo unánime da corporación local como unha clara mostra de compromiso institucional. “Este proxecto responde a unha demanda histórica das Pontes e da comarca do Eume que, grazas á colaboración entre administracións, por fin se fai realidade. A Casa de Acompañamento non só permitirá que as persoas maiores permanezan no seu entorno habitual, evitando situacións de desarraigo e illamento, senón que tamén será un motor de revitalización para o barrio de Pardo Bazán. As melloras urbanísticas previstas, especialmente nas rúas Calderón de la Barca e Lope de Vega, devolverán vida, dinamismo e seguridade á zona, beneficiando tanto ás persoas usuarias do centro como ao conxunto da veciñanza.”
O rexedor salientou tamén o impacto económico e social do proxecto: “Falamos da creación directa de 70 empregos e dunha inversión por parte da Deputación da Coruña superior aos 30 millóns de euros durante os próximos 30 anos. Esta aposta é un claro exemplo de cooperación entre Concello, Deputación e Xunta de Galicia, e representa un compromiso firme coa calidade de vida das persoas maiores, un dos colectivos máis vulnerables da nosa sociedade.”
Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, subliñou a importancia desta iniciativa como resposta directa ao envellecemento poboacional do municipio e da comarca, un fenómeno demográfico que esixe planificación estratéxica e recursos públicos axeitados para garantir unha atención de calidade. “Dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás necesidades específicas das persoas maiores é fundamental para asegurar o seu benestar físico e emocional, e evitar situacións de desarraigo que afectan negativamente á súa calidade de vida,” afirmou. “A Casa de Acompañamento ofrecerá non só servizos asistenciais especializados, senón tamén un modelo integral que inclúe programas de convivencia, actividades sociais e de rehabilitación, claves para manter unha vida activa e autónoma.”
Este proxecto pioneiro introduce un novo modelo residencial promovido pola Deputación da Coruña, innovador en Galicia e baseado nunha atención centrada na persoa. En lugar de grandes macrocomplexos masificados, a Casa de Acompañamento das Pontes será un centro de tamaño reducido e ámbito comarcal, cunha maior ratio de persoal por residente, co obxectivo de garantir plans individualizados que favorezan a autonomía e a participación activa na vida comunitaria.
A tecnoloxía e a innovación tamén terán un papel destacado, coa incorporación de domótica, telemedicina, iluminación e climatización intelixentes, sensores biométricos e sistemas avanzados de rehabilitación física e cognitiva. Todo isto contribuirá a mellorar a calidade de vida tanto das persoas residentes como do persoal profesional. Ademais, o centro promoverá o acceso aberto a familiares e amizades, e contempla a posibilidade de contar con hortas e presenza de animais de compañía, adaptándose á realidade rural da maioría das persoas usuarias e coidando o seu benestar integral.
Este modelo, xa implantado con éxito en países nórdicos como Dinamarca e Suecia, supera os enfoques tradicionais e establece un novo paradigma centrado na persoa, respectando a súa autonomía, vontade e preferencias nun espazo multiservizo, aberto á comunidade, que facilita o desenvolvemento de actividades dentro e fóra do centro.
En canto á inversión, o Concello das Pontes achegou 315.000 euros para a adquisición dos terreos e asumirá o custo da demolición do edificio existente. Pola súa banda, a Deputación da Coruña encargouse do deseño operativo e financiará a construción non só deste centro piloto, senón tamén doutros dous en Rianxo e Ordes, cun investimento inicial de seis millóns de euros.