O Concello das Pontes demanda ao Ministerio solucións para a central térmica
Unha delegación do Concello das Pontes, encabezada polo alcalde Valentín González Formoso, e a concelleira de Recursos Humanos, Industria e Emprego, Ana Pena, a deputada no Congreso, Montserrat García, o Presidente do Comité de Empresa, Luis Varela e o Presidente da Asociación de Transportistas do Cabrón, Manuel Bouza, trasladouse onte a Madrid para reunirse con representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, ao que reclamaron que se retome a produción na central térmica, sen actividade durante os últimos dous meses.
Este primeiro encontro, en palabras da concelleira da área, “foi unha toma de contacto entre as partes na que se solicitaron solución para que a central térmica entre en rede, novamente, así como a creación dunha comisión de traballo, que se reúna de xeito periódico, para examinar e garantir, a medio e longo prazo, o cumprimento dunha transición xusta”
Nese sentido, Ana Pena aclarou que mentres durase o proceso de adaptación das instalacións, que se está a levar a cabo, estaban previstas reducións escalonadas e puntuais da operatividade co obxectivo de que a central pontesa cumprise coas directrices de redución de emisión da Unión Europea permitindo así a continuidade da súa actividade, pero as actuais condicións do mercado europeo de CO2, no que se duplicaron os prezos dos dereitos de emisión no último ano, revirte esta situación e pon en perigo a viabilidade da mesma”.
Esta situación de inoperatividade preocupa non só á vila de As Pontes senón tamén os concellos da contorna polo que o executivo local reclamou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a posta en marcha de medidas a curto prazo que permitan paliar esta situación, que os membros do goberno local califican de “moi inxusta”.
Mobilizacións
Ao igual que pasou no ano 2010 coa aprobación do decreto do carbón, a sociedade pontesa, en verbas da concelleira de Industria “non vai quedar nin calada, nin cos brazos cruzados e se porán en marcha todos os mecanismos e medidas reivindicativas posibles para que a central térmica volva ao traballo”.
O luns, 8 de xullo, está convocada unha manifestación que precorrerá as estradas de todas as provincias galegas, na que participarán 150 camións, que partirá ás 09:00 horas desde a Casilla para chegar ás 11:00 a Santiago na procura do apoio da Xunta de Galicia.
O martes, partirá cara Madrid, onde ao mediodía está previsto que se desenvolva unha manifestación diante do Ministerio de Transición Enerxética e na que estarán presentes os membros do goberno local Valentín González Formoso, Antonio Alonso, Ana Pena, a deputada no Congreso, Montserrat García e representantes dos sectores afectados.
Todos os ponteses e pontesas que desexen acompañar ós transportistas poden anotarse o luns no Concello.