O Concello das Pontes demanda unha reunión coa Xunta para falar do centro de día

TerraChaXa
Reclama unha garantía para cubrir as prazas e axilizar a tramitación dos expedientes de dependencia
centro-de-dia-as-pontes
3 Nov 2025

O Concello das Pontes, a través da área de Benestar Social, vén de solicitar á Consellería de Política Social e ao Consorcio Galego de Servizos e Igualdade a celebración dunha reunión urxente para abordar a situación relativa á adxudicación de prazas no Centro de Día do municipio e á tramitación dos expedientes de dependencia.

Actualmente, das 20 prazas que oferta o Centro de Día, 7 continúan sen cubrir, e existen polo menos 4 solicitudes pendentes de resolución desde fai tempo. A concelleira de Benestar, Tania Pardo, explicou que o centro contaba inicialmente con 16 prazas e, tras o esforzo e as reclamacións constantes do Concello, lográronse ampliar a 20, “agora temos persoas interesadas, prazas libres e solicitudes pendentes de resolver, o que evidencia a necesidade dunha xestión máis áxil e eficiente”, afirmou Pardo.

A concelleira sinalou que a falta de celeridade na asignación de recursos está a xerar presión sobre os servizos sociais municipais de atención primaria, xa que o persoal se ve obrigado a destinar boa parte da súa xornada laboral á xestión de reclamacións e consultas derivadas destas demoras provocando a paralización dos servizos que ofrece o Concello “É imprescindible unha coordinación maior entre o Concello, a Consellería e o Consorcio para garantir unha resposta áxil e eficaz ás necesidades das persoas dependentes do municipio”, engadiu.

O Concello fai un chamamento urxente á Xunta e ao Consorcio para que resolvan as solicitudes pendentes e garantan a cobertura completa das 20 prazas do Centro de Día, protexendo así o benestar e a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.

“A prioridade do Concello é asegurar que todas as persoas que precisan este servizo poidan acceder a el sen demora. Seguiremos traballando e reivindicando unha asignación máis áxil e efectiva das prazas pendentes”, subliñou Pardo.

Así mesmo, o Concello quere trasladar a súa preocupación pola situación que están a vivir moitas familias a consecuencia dos atrasos continuos na tramitación dos expedientes de dependencia por parte da Xunta. “A ineficacia da Administración autonómica xera prexuízos directos ás persoas máis vulnerables, obrigando ás familias a recorrer ao Concello en busca de respostas que deberían chegar desde a Consellería”, explicou Pardo.
O persoal municipal está destinando gran parte do seu tempo á xestión de reclamacións e consultas, o que provoca que outros servizos municipais se vexan colapsados ou sufran atrasos. “Non é admisible que os concellos teñamos que asumir, con recursos propios e limitados, as consecuencias da parálise da Xunta. É un problema humano, social e institucional que require compromiso, coordinación e sensibilidade”, subliñou a concelleira.
O Concello das Pontes esíxelle á Xunta que reforce os equipos de valoración, aumente o persoal e mellore os prazos de tramitación, garantindo que ningunha persoa dependente quede sen a atención que precisa. “A veciñanza das Pontes merece respecto e unha resposta inmediata”, concluíu Pardo.

⚙ Configurar cookies
0.06977105140686