O Concello das Pontes destina máis de 42.000 euros para promover a inclusión social entre os menores
O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Benestar Social, destina, durante o curso 2018-2019, 42.183,93 euros á financiación de dous programas educativos, postos en marcha coa colaboración dos servizos de orientación escolar dos centros educativos de primaria e secundaria do municipio, encamiñados a promover a inclusión social entre os menores da vila.
A través do Programa educativo e de dinamización da infancia, por sexto ano consecutivo, o goberno local busca impulsar a integración e desenvolvemento individual, social e emocional dos menores ponteses, en risco de exclusión, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, a través de actividades personalizadas dirixidas a mellorar as súas competencias educativas.
Este programa, cun orzamento de 16.152,21 euros e no que participan 12 nenos e nenas, ten entre os seus obxectivos prioritarios dinamizar e fomentar a aprendizaxe a través de actividades que permiten traballar aspectos esenciais para o crecemento do menores tales como a autoestima, a motivación, as habilidades sociais ou o compañeirismo.
A concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos, remarca que “con esta iniciativa buscamos promover valores positivos nos ámbitos do medio ambiente, a saúde, o lecer ou a igualdade, aspectos esenciais para vivir en sociedade e, ó mesmo tempo, intentamos facer partícipes ás familias do proceso educativo dos seus fillos, amosándolles a importancia da súa formación cara o futuro”.
A programación deseñada pola educadora social ó fronte desta iniciativa, que se estenderá ata o 30 de xuño, inclúe obradoiros de hixiene, sendeirismo, reciclaxe, actividades de convivencia, talleres de lectura comprensiva ou xestión emocional, entre outras.
Asemade, co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades entre os rapaces e rapazas da vila, con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, o Concello de As Pontes destina un orzamento de 26.031,72 euros á nova edición do programa Adolescentes.
Durante todo o curso 2018-2019, 12 alumnos e alumnas recibirán clases de reforzo escolar nas materias de matemáticas, inglés ou lingua galega así como atención pedagóxica e psicolóxica orientada a minimizar o impacto negativo que os problema sociais ou os conflitos familiares poidan ter no seu rendemento académico.