O Concello das Pontes difunde o folleto informativo do Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira

O Concello das Pontes vén de poñer á disposición da veciñanza o folleto informativo correspondente ao Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira, un documento de carácter preventivo que recolle información esencial sobre como actuar ante unha hipotética situación de risco por inundación derivada dunha posible rotura da infraestrutura.
Este material ten como finalidade ofrecer á poboación indicacións claras e precisas para garantir a seguridade colectiva no caso de que se produza unha alerta. No folleto detállase o sistema de aviso á veciñanza, que se realizaría mediante sinal acústica de sirenas, así como as zonas potencialmente afectadas e os puntos de encontro establecidos.
Ademais, inclúense instrucións específicas sobre que facer e que non facer nunha situación de emerxencia, co obxectivo de facilitar unha resposta rápida, organizada e eficaz. Desde o Concello subliñan a importancia de que a cidadanía coñeza previamente estas pautas de actuación para poder reaccionar con tranquilidade e responsabilidade se algunha vez fose necesario.
A administración local recomenda descargar o documento, lelo en familia e conservalo nun lugar accesible, destacando que a información e a prevención constitúen ferramentas fundamentais para reforzar a seguridade da comunidade.