O Concello das Pontes esixe a Endesa que presente un proxecto serio e real

TerraChaXa
O rexedor local espera que o anuncio feito por Endesa non responda, unicamente, á estratexia de aforrar os 300.000 euros anuais de mantemento da cheminea
Endesa-As-Pontes
8 Jul 2025

O Concello das Pontes advirte a Endesa, tras o anuncio feito pola empresa sobre o proxecto industrial que pretende desenvolver na antiga central térmica, que non admitirá proxectos que non sexan reais e serios.

Desde o Goberno local enténdese que calquera proxecto que aspire a implantarse neste espazo debe vir acompañado dun plan industrial definido, viable, con prazos concretos e impacto real sobre o emprego e a economía local.

“As Pontes non vai ser nunca o concello do non polo non, pero tampouco o concello do si a todo, vai ser o concello dos proxectos sólidos, reais e comprometidos co futuro da vila", sinala o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso

O rexedor local espera que o anuncio feito por Endesa non responda, unicamente, á estratexia de aforrar os 300.000 euros anuais de mantemento da cheminea e nese sentido, González Formoso insiste na necesidade de que “Endesa explique o contido do proxecto, os prazos de execución, o volume real de investimento e os empregos comprometidos, para evitar repetir situacións anteriores nas que Endesa anunciou iniciativas —como a planta de hidróxeno- que nunca se materializaron. Precisamos que reafirme a súa aposta por proxectos solventes como o proxecto de Ence no parque de carbóns de Saa”.

A Administración local reafirma a súa vontade de colaborar con todas aquelas propostas firmes, solventes e beneficiosas para a vila e a súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.1665940284729