O Concello das Pontes estuda unha rendabilización dos recursos forestais

TerraChaXa
Coa empresa Intacta, avaliará os recursos forestais no municipio e unha contorna de 100 quilómetros de cara a súa explotación industrial
8 Feb 2021

O Concello das Pontes, a través da empresa local Intacta, avaliará os recursos forestais no municipio e nunha contorna de 100 quilómetros co obxectivo de coñecer a súa dispoñibilidade de cara a súa explotación industrial.

A empresa local, xunto cun socio tecnolóxico, deseñou un modelo matemático, que emprega información de satélite e imaxes espectrais, que permite a través de diferentes algoritmos, extraer información sobre a dispoñibilidade bruta de matogueira, frondosas, coníferas, principalmente piñeiro, e eucaliptos así como a localización e posición na que se atopan os recursos.

Ana Pena, responsable da área de industria apunta que “As Pontes localízase no ámbito forestal máis importante do noroeste peninsular, o último inventario forestal é do ano 2010, realizado con datos anteriores, este modelo matemático permítenos realizar unha valoración rápida e a baixo custe das existencias, a día de hoxe, de este tipo de biomasas na nosa contorna e coñecer realmente os recursos dos que dispoñemos e, deste xeito, poder brindar a futuros inversores unha estimación real dos recursos forestais dos que dispoñemos”.

Este modelo matemático, co que xa se realizaron diversas estimacións nos ámbitos da contorna do lago e a escombreira e para calcular o recurso bruto nun radio de 25, 50 e 100 quilómetros, ademais de permitir coñecer a dispoñibilidade actual da masa forestal contempla unha serie de actualizacións que permitirán avaliar a evolución do inventario, ben polo propio crecemento dos recursos, polo xurdimento de novas plantacións ou polo decrecemento da biomasa por enfermidades, talas, incendios forestais ou a creación de infraestrutura.

Héctor Dopico, director de operacións de Intacta, sinala que “todos estes datos están enfocados a buscar o rendemento industrial da masa forestal dispoñible no noso municipio e contorna pero tamén poderían ser de utilidade para determinar capacidades de retorno económico por fixación de dióxido de carbono e mesmo para a conservación de recursos hídricos do municipio”

0.19853186607361