O Concello das Pontes finaliza a sexta fase de mellora do Poboado da Fraga

TerraChaXa
Nesta nova fase, as obras centráronse principalmente na Rúa Maruja Mallo
Poboado-da-Fraga-As-Pontes
14 Apr 2025

O Concello das Pontes vén de dar por rematados os traballos da sexta fase do proxecto de mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga, cun orzamento total de 162.244,19 euros. A actuación foi financiada con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

Nesta nova fase, as obras centráronse principalmente na Rúa Maruja Mallo, que grazas a esta intervención presenta xa unha estética e dotación de servizos equiparables ao resto das rúas do poboado. As actuacións incluíron a renovación do pavimento das beirarrúas con lastras de formigón recto e a instalación de bordo de xardín para separar estas zonas das áreas verdes, mantendo a coherencia estética e estrutural coas fases anteriores.

Ademais, levouse a cabo a substitución do sistema de saneamento de augas pluviais por colectores de PVC, así como a execución das acometidas domiciliarias correspondentes. A renovación do alumeado público tamén foi unha das melloras destacadas, coa instalación de novos báculos e luminarias, así como das canalizacións e cabreados necesarios para o seu funcionamento. Neste proceso, tamén se habilitou unha nova canalización para telecomunicacións.

Os traballos concluíron coa instalación de novo mobiliario urbano, incluíndo bancos e papeleiras, mellorando así a comodidade e funcionalidade dos espazos públicos da zona.

Con esta intervención, o Concello das Pontes continúa avanzando no seu compromiso por mellorar a calidade de vida da veciñanza e modernizar as infraestruturas urbanas da vila.

⚙ Configurar cookies
0.1618070602417