O Concello das Pontes inaugura a escola unitaria de Paraño trala rehabilitación

TerraChaXa
O Concello das Pontes inaugurou onte a Escola Unitaria do Paraño tras a súa rehabilitación coa participación do alcalde.
inauguracion escola parano as pontes
22 Nov 2022

O Concello das Pontes inaugurou a Escola Unitaria do Paraño trala súa rehabilitación.

Durante este acto, no que estivo presente o alcalde das Pontes Valentín González Formoso acompañado por integrantes do goberno municipal, o rexedor local lembrou que "esta escola foi construída pola veciñanza para que os nenos e as nenas da parroquia estudaran, era unha mágoa o seu estado. Hoxe vemos feita realidade unha vella demanda veciñal.

A actuación foi consensuada coa veciñanza tratando de dar resposta as súas necesidades e suxestións e súmase ao proxecto municipal de recuperación de vellos inmobles en desuso, a través do que buscamos contribuír a recuperar o patrimonio histórico do municipio, poñelo en valor e impulsar a participación cidadá, amosando o noso compromiso co tecido asociativo de As Pontes”.

REHABILITACIÓN

O proxecto de rehabilitación da Escola Unitaria do Paraño, cun orzamento de 183.817,71 euros, financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS) 2018, tivo como principal obxectivo recuperar o antigo inmoble para usos sociais, respectando a súa identidade tipolóxica pero adecuándoa ás esixencias construtivas, de accesibilidade, seguridade e eficiencia enerxética, que marcan as normativas vixentes, así como ao seu novo uso.

Trátase dunha rehabilitación integral que incluíu o acondicionamento exterior do edificio por medio de actuacións na fachada, a cuberta e os chans así como no seu interior por medio da creación dunha ampla sala de reunións, aseos e unha zona de servizos complementarios, tratando de racionalizar o uso do espazo, apostando pola funcionalidade e a comodidade.

Os traballos tamén contemplaron a instalación de todos os elementos necesarios para dotar ao edificio de electricidade, iluminación, telecomunicacións, evacuación de residuos, saneamento así como de ventilación, fontanería, calefacción e climatización, apostando por sistemas que potencien o aforro e a eficiencia enerxética.

Xunto a estas actuacións levouse a cabo a mellora do acceso exterior ao edificio, coa pavimentación do camiño de entrada e a instalación dunha nova rede de iluminación, ambos plenamente integrados coa contorna natural e respectarán as características propias da zona. Tanto o acceso ao edificio como ás zonas comúns interiores proxectáronse para ser completamente accesibles para as persoas con mobilidade reducida, coa eliminación das barreiras arquitectónicas.

0.21090817451477