O Concello das Pontes inicia un programa de atención educativa

TerraChaXa
O concello das Pontes, a través da área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, acaba de poñer en marcha un programa de atención educativa á infancia e á adolescencia que ten como obxectivos prioritarios dinamizar e fomentar a aprendizaxe a través de actividades que permiten traballar aspectos esenciais para o crecemento dos menores tales como a autoestima, a motivación, as habilidades sociais ou o compañeirismo.
24 Out 2019

O concello das Pontes, a través da área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, acaba de poñer en marcha un programa de atención educativa á infancia e á adolescencia que ten como obxectivos prioritarios dinamizar e fomentar a aprendizaxe a través de actividades que permiten traballar aspectos esenciais para o crecemento dos menores tales como a autoestima, a motivación, as habilidades sociais ou o compañeirismo.

Este programa, no que participarán 24 mozos/as, con idades comprendidas entre os 6 e os 17 anos, que, polas súas circunstancias persoais, familiares ou económicas, “atópense nunha situación de vulnerabilidade e necesiten dun apoio personalizado para mellorar tanto os seus resultados académicos como o seu benestar” explica Tania Pardo, responsable da área.

As actividades que se inclúen dentro deste programa son tanto de tipo educativo, como formativas e de lecer e todas elas están orientadas a reforzar os procesos de aprendizaxe, mellorar as competencias educativas, fomentar a autonomía persoal e a capacidade de análise ou potenciar hábitos de vida saudables o autocoidado e, compleméntanse con outros programas de apoio que se realizan desde o departamento de Benestar Social .

Entre a oferta de actividades que se pon a disposición do alumnado destacan a clases de reforzo educativo, visitas domiciliarias e acompañamento ao alumnado absentista en colaboración co IES Mocho Valcárcel e o IES Castro da Uz así como talleres, durante o período de vacación sobre hixiene, reciclaxe, convivencia, lectura comprensiva ou fomento da vida saudable.

Por outra banda, a concelleira sinala que “todas as actividades están tamén dirixidas a que as familias entendan a importancia da formación no futuro dos seus fillos/as e por ese motivo o programa tamén inclúen visitas ós domicilios do beneficiarios para traballar o espazo de estudo na casa e involucrar, activamente, ás familias na dinámica escolar. Os pais e as nais son unha das pezas fundamentais destes programas e precisamos da súa implicación e participación para acadar mellores resultados”

Tania Pardo tamén remarca que ambos programas “veñen a amosar, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa integración e coas políticas sociais como instrumento de mellora da calidade de vida dos ponteses e pontesas e como ferramenta para a creación de novas oportunidades para toda a veciñanza en igualdade de condicións”.

0.18583011627197