O Concello das Pontes instala tres caldeiras de biomasa
O Concello das Pontes continúa coas actuacións para mellorar a eficiencia e o aforro enerxético no termo municipal coa instalación de caldeiras de biomasa nas asociacións de veciños de Saa, Goente e Marraxón.
O goberno local procedeu á substitución dos equipos de produción de calor existentes nos tres locais sociais, de baixa eficiencia e cun elevado custe enerxético, por sistemas de alta eficiencia enerxética, de última xeración, baseados no consumo de enerxía renovable, seguindo os parámetros establecidos no Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios (RITE) e as normas UNE.
Estas actuacións supuxeron unha inversión de 18.000 euros, con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental 2018, e forman parte do proxecto do goberno local para promover e dinamizar o desenvolvemento urbano sostible, contribuír á redución das emisións de dióxido de carbono e ó aumento de consumo de enerxías renovables no municipio, a través da mellora enerxética nos edificios públicos.
Seguindo con esta líña de actuación, o Concello instalará, proximamente, un sistema de calefacción similar na Asociación de Veciños de Espiñaredo.
Por outra banda, na súa aposta por reducir o consumo enerxético nos edificios municipais, no ano 2017, o goberno local das Pontes, destinou máis de 130.000 euros a traballos para evitar a perda de calor, a través dos cerramentos en condicións climáticas adversas, nos colexios de A Fraga e Monte Caxado.
As obras levadas a cabo permitiron a renovación da carpintería de aluminio existente, a súa substitución por fiestras de dobre vidro, con rotura da ponte térmica, que procuraron a redución dos consumos de calefacción e o aforro económico nas facturas eléctricas do Concello.