O Concello das Pontes licita as obras da escola de Paraño

TerraChaXa
O concello de As Pontes aprobou o expediente para a contratación dos traballos de acondicionamento e mellora da antiga escola unitaria do Paraño, que servirá como local social e de reunión para os veciños da parroquia.
Escola Parano
21 Feb 2019

O concello de As Pontes aprobou o expediente para a contratación dos traballos de acondicionamento e mellora da antiga escola unitaria do Paraño, que servirá como local social e de reunión para os veciños da parroquia.

A concelleira de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, Montserrat García explica que: “Era dunha vella demanda veciñal. A actuación foi consensuada coa veciñanza tratando de dar resposta as súas necesidades e suxestións e súmase ao proxecto municipal de recuperación de vellos inmobles en desuso, a través do que buscamos contribuír a recuperar o patrimonio histórico do municipio, poñelo en valor e impulsar a participación cidadá, amosando o noso compromiso co tecido asociativo de As Pontes”.

A obra, que conta cun orzamento de 183.817,71 euros e que será financiada integramente pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS) 2018, ten como principal obxectivo recuperar o antigo inmoble para usos sociais, respectando a súa identidade tipolóxica pero adecuándoa ás esixencias construtivas, de accesibilidade, seguridade e eficiencia enerxética, que marcan as normativas vixentes, así como ao seu novo uso.

Trátase dunha rehabilitación integral que inclúe o acondicionamento exterior do edificio por medio de actuacións na fachada, a cuberta e os chans así como no seu interior por medio da creación dunha ampla sala de reunións, aseos e unha zona de servizos complementarios, tratando de racionalizar o uso do espazo, apostando pola funcionalidade e a comodidade.

Os traballos tamén contemplan a instalación de todos os elementos necesarios para dotar ao edificio de electricidade, iluminación, telecomunicacións, evacuación de residuos, saneamento así como de ventilación, fontanería, calefacción e climatización, apostando por sistemas que potencien o aforro e a eficiencia enerxética.

Xunto a estas actuacións levarase a cabo a mellora do acceso exterior ao edificio, coa pavimentación do camiño de entrada e a instalación dunha nova rede de iluminación. Ambos estarán plenamente integrados coa contorna natural e respectarán as características propias da zona.

Tanto o acceso ao edificio como ás zonas comúns interiores estarán proxectados para que sexan completamente accesibles para as persoas con mobilidade reducida, coa eliminación das barreiras arquitectónicas.

0.1792950630188