O Concello das Pontes licita catro obras por 672.400 euros
O Concello das Pontes sacou a licitación catro obras, por un valor de 672.461 euros, que permitirán a execución da mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga (5ª Fase), a mellora dos pavimentos e accesibilidade na Avenida de Castelao (2ª Fase), a rehabilitación da Rúa San Xoán, no barrio da Vila, e o acondicionamento das beirarrúas e mellora da accesibilidade na rúa Saúde e na rúa Ourense.
Desde o goberno local apuntan que, estas obras, con cargo ó Pos+ complementario do ano 2017 e do Pos+ 2018, son esenciais para o desenvolvemento do pobo así como para a mellora da calidade de vida de todos os ponteses e dos servizos que o Concello lle presta ós veciños. “Son proxectos moi demandados polos veciños e que nos permiten continuar promovendo a seguridade e a accesibilidade no pobo, dándolle máis protagonismo ó peón, apostando pola humanización dos espazos urbanos, mantendo, en todos os casos, a liña estrutural, funcional e estética deseñada para o conxunto do núcleo urbano pontés”, remarcan desde o Concello das Pontes.
A obra que conta cunha maior inversión é a rehabilitación da Rúa San Xoán, no casco vello pontés, dotada cun orzamento de licitación de 218.576 euros, que permitirá a reposición da actual rede de abastecemento e saneamento así como substitución das canalizacións do alumeado e baixa tensión e a renovación do pavimento da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados nas rúas lindeiras.
Séguelle, en orden de inversión, o proxecto de mellora da accesibilidade e pavimentos da Avenida de Castelao, Fase II, cun orzamento de 179.062 euros, destinado a aumentar a accesibilidade da rúa mediante a eliminación do desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas, a mellorar da iluminación e a separar a rede de drenaxe da rede de saneamento. Esta actuación tamén inclúe a renovación do pavimento do viario, a instalación de mobiliario urbano así como a colocación de captafaros leds nos pasos peonís.
Pola súa banda, a mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga (5º Fase) conta cun orzamento de licitación de 155.466 euros; unha inversión que permitirá continuar, na liña das actuacións anteriores, coa mellora da pavimentación e dos servizos urbanos de alumeado e saneamento. Esta actuación contempla, ademais, a renovación do parque infantil existente na zona coa ampliación da área de lecer, a substitución do pavimento de caucho e a baranda de protección, e a instalación de novos elementos de xogo, segundo as normas de seguridade vixentes.
Por último, o acondicionamento das beirarrúas e mellora da accesibilidade na rúa Saúde e na rúa Ourense, cun orzamento base de 119.356 euros, levarase a cabo no tramo sur da rúa de Ourense, que comunica a avenida de Ortigueira coa rúa Saúde, e no tramo da rúa Saúde comprendido entre a rúa Ourense e a rúa Reitoral.
Esta actuación inclúe o acondicionamento das actuais beirarrúas, tanto con melloras da pavimentación como da accesibilidade mediante a supresión das barreiras arquitectónicas co obxectivo de lograr que o peón cobre maior presenza e seguridade na vía. As beirarrúas estarán dotadas vaos peonís adaptados tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os invidentes e crearase un paso peonil na rúa Ourense. Ademais o proxecto tamén contempla a mellora da iluminación e a renovación do mobiliario urbano en ambas rúas.