O Concello das Pontes negocia con Endesa para evitar a especulación no poboado das Veigas
O Concello das Pontes negocia con Endesa, propietaria do Poboado das Veigas, a inclusión dunha cláusula que evite a especulación inmobiliaria na venda das vivendas do Poboado tras a finalización das obras de urbanización do ámbito urbanístico.
Trátase dunha cláusula pola que, as persoas que adquiran unha vivenda no Poboado e non residan nelas terán a obriga de rehabilitalas e mantelas en bo estado de conservación para evitar o abandono e a degradación do ámbito urbanístico.
Desde o Concello das Pontes apunta que “con esta cláusula evitamos que o Poboado avance a dúas velocidades, a velocidade dos veciños que residen no Poboado e manteñen as súas casas ben conservadas e a velocidade do mercado da especulación que as vai ter abandonadas á espera de conseguir o mellor prezo de venda. No Poboado das Veigas a maioría das vivendas son casas adosadas, se o Poboado avanza a dúas marchas imos atopar vivendas ben conservadas compartindo parede con vivendas abandonadas”.
“Coa inclusión desta cláusula nos contratos de compra venda buscamos evitar que alguén que xa non resida no Poboado, que, en moitos casos non reside nin na localidade nin mesmo en Galicia, merque unha casa, non a manteña en bo estado de conservación e , pasados 20 anos, a poña á venda, a un prezo desorbitado, coa única intención de especular. As vivendas do Poboado das Veigas son para vivir, non para especular” subliñan desde o Concello.
Esta cláusula, así mesmo, vai en consonancia co dereito de acceso prioritario á compra das vivendas dos actuais inquilinos, “un compromiso asinado pola empresa co goberno municipal, a través do convenio do ano 2016, e que tamén está dixirido a evitar a especulación inmobiliaria a través do establecemento de diferentes niveis de prioridade na adquisición de vivendas baseadas no vínculo dos compradores co Poboado das Veigas”.