O Concello das Pontes non asistiu á presentación de Activa Verde por mal uso dos fondos de transición xusta

TerraChaXa
Dita ausencia é a expresión enérxica de rexeitamento ante o uso que fai a Xunta dos cartos que a Unión Europea destina á provincia para reactivar as localidades que sofren os peches das centrais térmicas
presentacion-activaverde-as-pontes
17 Oct 2025

O Concello das Pontes traslada os motivos da súa ausencia na presentación do programa Activa Verde, celebrada recentemente, ao considerar que dita ausencia é a expresión enérxica de rexeitamento ante o uso que fai a Xunta de Galicia dos Fondos de Transición, que a Unión Europea destina á provincia da Coruña, para reactivar as localidades que sofren os peches das centrais térmicas.

Desde o goberno local apuntan que “ isto é algo que a Xunta non fai, destinado máis de 60 millóns de euros da veciñanza das Pontes e Cerdeda a proxectos industriais de toda a provincia en lugar de concéntralos nas localidades das Pontes e Cerceda”.

Esta situación motivou que o Concello interpuxera cinco demandas contra esas convocatorias que “consideramos un roubo de dereitos aos veciños e veciñas. Confiamos en que a Xunta recapacite ante esta situación e reoriente o deseño destes fondos a proxectos industriais que axuden a reactivar As Pontes”, apuntan desde o goberno local.

A decisión de non acudir foi previamente comunicada á administración autonómica, explicando as razóns que a motivaban.

O programa Activa Verde, promovido a través dun convenio entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios da Coruña, ASIME e os sindicatos, conta cun investimento de 2 millóns de euros procedentes dos devanditos fondos. Porén, nin As Pontes nin Cerceda foron tidas en conta nin no deseño, nin no reparto destas actuacións, a pesar do compromiso previo da Xunta de que estes concellos serían prioritarios.

Ademais, o Concello lamenta que tampouco se contara co tecido empresarial local, representado por entidades como COHEMPO ou SEARA, o que supón un novo desprezo institucional cara ás iniciativas e capacidades do propio territorio.

Por todo iso, o Concello das Pontes considera que a súa presenza na presentación de Activa Verde sería incoherente coa postura crítica e firme que mantén en defensa dos intereses do municipio, da súa cidadanía e do seu tecido socioeconómico.

⚙ Configurar cookies
0.070528984069824