O Concello das Pontes organiza paseos micolóxicos cos estudantes

TerraChaXa
O Concello das Pontes en colaboración coa Agrupación Micolóxica Poupariña, levou a cabo unha saída micolóxica pola contorna dunha fraga co alumnado de 1º da ESO do IES Castro da Uz.
27 Dec 2023

O Concello das Pontes en colaboración coa Agrupación Micolóxica Poupariña, levou a cabo unha saída micolóxica pola contorna dunha fraga co alumnado de 1º da ESO do IES Castro da Uz. Nesta ocasión foron Miño Guerreiro e María Morris, membros de Poupariña, quen guiaron ao alumnado pontés, transmitíndolles a súa paixón polos fungos e coñecementos básicos sobre a identificación dos seus froitos, os chamados cogomelos.

Elena López, concelleira de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica e Turismo das Pontes, apunta que “estas saídas educativas dirixidas as centros escolares de primaria e secundaria, continuarán nos meses da primavera e do outono do próximo ano 2024. A súa finalidade é espertar o interese pola ciencia micolóxica entre a poboación escolar pontesa, así como apuntalar a cultura sobre os nosos recursos naturais e os seus aproveitamentos ambientais, sociais ou culturais”.

O Concello das Pontes está preparando unha programación de actividades micolóxicas para a anualidade 2024 que serán presentadas unha vez rematen as datas de Nadal na que haberá actividades tales como: faladoiros, obradoiros, saídas ao monte para todas as idades e concursos gastronómicos de receitas elaboradas a base de cogomelos silvestres.

0.17521095275879