O Concello das Pontes pon en marcha un programa de igualdade nos colexios

TerraChaXa
O xoves 26 de setembro, arrincou no Concello das Pontes o programa de coeducación para a igualdade Contamos Igual dirixido ao alumnado de quinto e sexto de primaria dos CEIP da Fraga, A Magdalena e Santa María.
30 sep 2019

O xoves 26 de setembro, arrincou no Concello das Pontes o programa de coeducación para a igualdade Contamos Igual dirixido ao alumnado de quinto e sexto de primaria dos CEIP da Fraga, A Magdalena e Santa María.

Este programa, subvencionado o través do Fondo Social Europeo, do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e da Secretaria Xeral de Igualdade ten como obxectivos prioritarios sensibilizar, informar e difundir valores sobre a igualdade e previr a violencia contra as mulleres.

A concelleira responsable da área, Tania Pardo, sinala que “con este programa de coeducación preténdese que o alumnado realice unha reflexión sobre todos aqueles aspectos que xeran discriminación entre as persoas, polo simple feito de pertencer a sexos diferentes, tratando de fomentar espazos de conviencia en igualdade e equidade”.

Entre as actividades incluídas dentro desde programa, que se levará a cabo durante o primeiro trimestre do curso escolar, destacan un obradoiro creativo, integrado por 5 sesións de traballo, no que se abordarán aspectos como os micromachismos, a imaxe corporal e a sexualidade, a construción de relacións afectivas, a diversidade sexual así como as habilidades sociais para relacionarse en igualdade.

Cada sesión terá unha duración de 50 minutos nas que se mesturarán contidos de carácter teórico con diferentes dinámicas participativas tales como video-forums, debates, xogos, dinámicas role-playing ou actividades de expresión corporal.

Tania Pardo apunta que, ao inicio do obradoiro, farase entrega ao alumnado participante dunha axenda escolar coeducativa na que se recollen contidos que aportan unha mirada de xénero e contribúen a sensibilizar e concienciar ao alumnado en igualdade. “Nesta axenda tratamos de visibilizar as contribucións da muller ao mundo do saber e incluímos contidos para a eliminación de estereotipos, sobre diversidade afectiva e para a prevención da violencia de xénero”

A programación elaborada complétase cun concurso fotográfico a través do que o alumando terá que amosar e poñer en valor os avances en igualdade e visibilizar a discriminación social por razón de xénero e haberá tamén un concurso musical no que o alumando terá que elaborar unha nova letra, en galego, para unha canción de éxito, libre de ideas machistas, roles e estereotipos tradicionais entorno á muller e ao home.

Ademais celebrarase unha xornada de convivencia intercentros baixo o lema “Contamos Igual” na que se desenvolverán diferentes actividades entre as que destacan a interpretación de cada unha das cancións elaboradas polo alumando dos tres centros educativos participantes no proxecto, ao abeiro do concurso musical “Contas ou cantas”, unha exposición das imaxes do concurso fotográfico e a entrega de agasallos a todas as participacións.

Pardo incide na importancia que este novo proxecto ten para “ofrecerlle ao alumnado un clima de relacións persoais que favoreza o seu propio coñecemento e a creación da propia identidade para acadar actitudes de igualdade, respecto e responsabilidade, evitando as discriminacións sexistas que existen na sociedade”.

0.11959195137024