O Concello das Pontes pon en marcha un proxecto audiovisual para a mocidade
O Concello das Pontes, a través da Concellería de Deporte e Xuventude, pon en marcha o proxecto, AS PONTES XOVE...E ACCIÓN!, co obxectivo de achegar, á mocidade pontesa, ao mundo da creación audiovisual.
Trátase, en palabras de Chicho Tembrás, responsable da área, “dunha actividade coa que a mocidade de As Pontes poderá aproveitar o tempo de lecer dun xeito diferente, coñecendo polo miúdo un sector en auxe e moi atractivo para os rapaces e as rapazas, aprendendo valores como o traballo en equipo, a responsabilidade, o respecto así como a darlle forma as súas ideas, compartir decisións, asumir tarefas, aprendendo unha nova forma de relacionarse coa súa contorna”
Esta iniciativa, gratuíta, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos e coordinada por unha produtora audiovisual local, permitirá aos seus participantes, a través de cinco cursos que se impartirán na Casa Dopeso e en distintos emprazamentos ao aire libre do municipio, adquirir coñecementos básicos sobre elaboración de guións, storyboard, dirección artística, fotografía e gravación de vídeo.
Serán 64 horas de formación teórico-práctica que comezará o venres, 5 de abril, ás 20:00 horas, cun curso sobre Guión, impartido por Roberto Rego e Marina Pérez. Durante tres horas o alumnado achegarase ás ferramentas e estratexias necesarias para elaborar unha historia e os personaxes dunha peza audiovisual e adquirirá nocións básicas sobre a industria cinematográfica, linguaxe audiovisual e estruturas dramáticas.
O sábado, 6 de abril, desde as 10:00 ata as 14:00 horas, será a quenda para o curso de dirección artística. A formación estará a cargo de Isabel O’Connor e Carol Díguele e ten como obxectivo ensinar aos participantes a plasmar, esteticamente, unha idea nunha produción audiovisual, definindo aspectos como a ambientación, o vestiario, a estética dos personaxes, a localización, etc.
Desde o 12 de abril ata o 24 de maio, os venres, de 20:00 a 23:00 horas, e os sábados, de 17:00 a 19:00 horas, Noela Penabad, será a responsable de introducir ao alumnado do proxecto AS PONTES XOVE...E ACCIÓN!, no mundo da Fotografía, mostrándolles conceptos básicos sobre o equipo e a técnica fotográfica e facilitándolles ferramentas para o desenvolvemento de disciplinas como o retrato ou a fotografía de paisaxes.
Entre o 13 de abril e o 18 de maio, todos os sábados de 10:00 a 14:00 horas, levarase a cabo o curso de Storyboard. Unha formación impartida por Sergio Picos “Comeluz” e Jessica Pico, e dividida en dúas partes; unha delas enfocada aos métodos manuais e tradicionais de creación de storyboards e outra dirixida ao proceso de dixitalización de imaxes e maquetación de documentos a través de programas como Illustrator e Indesign.
A partir do 31 de maio e ata o 8 de xuño, volverá a formación a cargo de Roberto Rego e Marina Pérez co curso de Edición e Gravación de vídeo. Os venres de 20:00 a 23:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, o alumnado achegarase a conceptos básicos de filmación e edición de vídeo que, unha vez acabada, a formación lles permitirá realizar as súas propias curtametraxes.
Durante este curso, os asistentes analizarán as técnicas e os procesos da edición e creación de vídeos profesionais e as técnicas existentes. Ademais levarán a cabo a filmación dun vídeo, achegándose ao complexo mundo das cámaras de gravación.
E finalmente, o 25 de maio, comezará o último curso de AS PONTES XOVE...E ACCIÓN!. Trátase dunha formación de Gravación en dron, destinado a todas aquelas persoas que estean interesadas en iniciarse na pilotaxe de drons e nas técnicas de filmación asociadas a el. O curso estará impartido por Javier Fernández, piloto e operador autorizado por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea) e será de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
Ao termo da formación, realizarase un concurso de curtametraxes, no que os alumnos poderán poñer en práctica todo o aprendido e mostrar a súa imaxinación e creatividade.
Todas as persoas interesadas en participar nestes obradoiros poden inscribirse, ata o 3 de abril na Biblioteca Municipal Rivera Rouco ou non enderezo electrónico aspontesxoveeaccion@gmail. com
Para máis información: 981 102 562, https://aspontesxoveeaccion.wordpress.com/e tamén en Facebook, Twitter e Instagram.