O concello das Pontes prepara varias actividades para celebrar o Día do Libro
O Concello de As Pontes, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, o vindeiro 23 de abril, porá en marcha unha serie de actividades coas que quere converter ao municipio nunha biblioteca ao aire libre e espallar a paixón pola lectura entre os veciños.
O goberno local ten previsto encher o municipio de libros grazas ás Casiñas de libros; una novidosa experiencia de bookcrossing na que liberará centos de libros, pertencentes ao fondo da Biblioteca Municipal, e depositaraos en casiñas de madeira, espalladas por todo o centro urbano, coa intención de que calquera veciño poida gozar, de balde, da lectura, tanto na rúa como na súa casa.
Obras de literatura infantil, novelas históricas, libros de poesía, clásicos da literatura galega estarán a disposición de todos os veciños, durante todo o ano, grazas a esta orixinal práctica que consiste en deixar libros en espazos públicos para que poidan ser recollidos e lidos polos ponteses. Os veciños, que despois o desexen, poderán volver a liberar os exemplares e depositalos, novamente, nas casiñas de lectura para que poidan ser lidos por outro veciños, creando así un enorme clube de lectura.
Por outra banda, o parque municipal acollerá, o 23 e 24 de abril, varios stands informativos que contarán con máis de 1.000 obras literarias, 200 delas cedidas pola Deputación da Coruña, para que os veciños e visitantes, que se acheguen ata eles, boten man, de balde, dalgún exemplar.
Desde o Concello, a tenente de alcalde, Montse García, destacou a aposta do goberno local pola cultura como vehículo para educar, formar e entreter e subliñou que as actividades organizadas para a conmemoración do Día Internacional do Libro teñen como principal obxectivo “atraer ós ponteses cara a literatura, inculcar o gusto por ler e, en definitiva, remarcar a importancia que a literatura ten na transmisión de coñecemento e de valores esenciais para a vida”.