O Concello das Pontes presenta a comedia 'Neura' na súa programación cultural de novembro
O Concello das Pontes incorpora á súa programación cultural de novembro a obra de teatro Neura, unha comedia que trata o tema da saúde mental dende unha perspectiva humorística e reflexiva. A función terá lugar o venres 8 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.
Neura explora as complexidades da mente a través dos seus protagonistas, Edu e Sonia, unha antiga parella que volve atoparse en diversas situacións tras o seu romance fallido. Non son xa amigos nin amantes, senón “ex”, esa categoría difusa de persoas que coñecemos ata o grupo sanguíneo, pero coas que interactuamos como perfectos descoñecidos. A obra xoga coas neuras e peculiaridades de ambos, obrigándoos a poñer a proba a compatibilidade dos seus pequenos trastornos en diversas situacións.
Esta comedia, producida por De Ste Xeito Produccións, forma parte das actividades da Rede Cultural da Deputación da Coruña e promete ofrecer un espectáculo neurotico-festivo que conecta coa realidade emocional e psicolóxica do público.