O Concello das Pontes presenta alegacións ao Plan de Transporte Público
O Concello de As Pontes, co respaldo dos catro grupos políticos con representación municipal, presentou alegacións contra os anteproxectos de explotación de servizos públicos de transporte de viaxeiros por estrada da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.
Así, o Concello de As Pontes solicita que se axusten as liñas, horarios e frecuencias existentes ás necesidades da veciñanza para, desta forma, optimizar os servizos. Ao mesmo tempo reclama a posta en marcha de novas liñas para facilitar aos veciños e veciñas de As Pontes a utilización do transporte público por estrada.
O Consistorio solicita que se manteñan os contratos, vixentes, das liñas V-0730 e V-7068, que unen As Pontes con Coruña e Lugo, pero establecendo novos horarios, adecuándoos á demanda existente.
Así mesmo, reclama a creación dunha liña de transporte regular que permita aos veciños e veciñas de As Pontes desprazarse ata o Hospital Arquitecto Marcide, centro hospitalario de referencia, á primeira hora da mañá – 07:00 horas- , con retorno ás 14:30 horas, para poder acudir ás probas e citas médicas; un servizo que, por outra banda, sería esencial para garantir o desprazamento do alumnado universitario pontés ao Campus de Ferrol.
As Pontes pide tamén a integración completa das rutas escolares xa que esta permitiría a conexión das parroquias pontesas, sen servizo público de transporte, co centro de saúde e co centro urbano. Ademais insta á Xunta de Galicia a estudar a viabilidade dun servizo, a demanda, desde as parroquias.
Reclama a creación dunha liña As Pontes-Ortigueira que daría servizo aos veciños e veciñas de As Pontes que teñen que acudir á AEAT, situada no municipio veciño, e, que en sentido inverso, permitiría á veciñanza de Ortigueira e Cariño acudir á oficina do INEM no municipio de As Pontes.
Finalmente, o Concello solicita novos horarios vespertinos para a liña que une As Pontes coa Coruña e garantir a conexión cos campus de Lugo, Coruña e Ferrol, os venres e domingos pola tarde.