O Concello das Pontes presentará os resultados do estudo sobre envellecemento

TerraChaXa
Como cada 1 de outubro dende que fora proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1990, conmemorarase o Día Internacional das Persoas de Máis Idade.
maiores man terceira idade coidados
20 sep 2023

Como cada 1 de outubro dende que fora proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1990, conmemorarase o Día Internacional das Persoas de Máis Idade. Este acordo viñera motivado polo aumento significativo do peso poboacional das persoas maiores na sociedade debido ao aumento da esperanza de vida, e, consecuentemente, a aparición de novas necesidades para garantir a calidade de vida destas persoas. Tres décadas despois, as tendencias demográficas continúan nesa liña: así, prevese que o número de persoas de máis de 65 anos se duplique no ano 2050, pasando de 761 a 1.600 millóns de persoas; sendo aínda máis rápido o crecemento do número de persoas de máis de 80 anos.

Concretamente, para 2023 esta data procurará dar a coñecer e concienciar sobre os dereitos humanos das xeracións actuais e futuras das persoas maiores, compartir e aprender dos distintos modelos interxeneracionais para a protección deses dereitos, mellorar na integración dun enfoque dos dereitos humanos ao longo da vida nas prácticas impulsadas polos gobernos e entidades, e garantir a participación activa e significativa de todas as persoas interesadas no fortalecemento da solidariedade entre xeracións. Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, destacou que “é preciso entender o fenómeno do envellecemento da nosa sociedade para poderlle dar unha resposta áxil e eficiente, para o cal a conmemoración de datas como o 1 de outubro son claves, sendo necesario asumir, interiorizar e aplicar este enfoque no noso día a día”.

A ese respecto, durante os meses de marzo a setembro, dende o Concello das Pontes elaborouse unha diagnose que buscou identificar as necesidades da poboación maior, tanto no referido na saúde como nas súas necesidades sociais. Neste senso, cabe destacar que se estudou a incidencia da covid-19, pois en especial o confinamento puxo de manifesto certas necesidades que aínda hoxe seguen manifestándose, como, por exemplo, os efectos sobre a saúde mental e emocional ou sobre as relacións sociais. A concelleira de Benestar Social e Igualdade indicou que “en tanto que a poboación maior representa cada vez un peso maior da nosa sociedade, xorden novas necesidades, as cales pretendeu detectar este estudo para comprender en maior medida a realidade das persoas maiores no municipio”.

Outro dos piares fundamentais deste estudo consistiu na detección dos efectos dun fenómeno mundial como é o idadismo para afondar na concienciación e sensibilización ao seu respecto. Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), o idadismo “acontece cando a idade se utiliza para categorizar e dividir ás persoas por atributos que ocasionan dano, desvantaxe ou inxustiza, menoscabando a solidariedade interxeneracional”. Este fenómeno afecta a todas as persoas, pero é especialmente prexudicial para as persoas maiores e para as máis novas.

A concelleira Tania Pardo destacou que “como sociedade, debemos tomar conciencia de que existen unha serie de estereotipos e prexuízos sobre as persoas maiores que afectan de forma negativa á súa calidade de vida, o seu benestar e a súa saúde”. Citou algúns exemplos destas actitudes, como poden ser asumir que non poden realizar determinadas actividades, tratalos de forma infantilizada ou, de maior gravidade, usar termos pexorativos para referirse ás persoas maiores. Fronte a isto, o estudo buscou identificar os efectos desta forma de discriminación entre as persoas maiores, polo que a súa filosofía se baseou en visibilizar a importancia social das persoas maiores na sociedade.

A participación, clave no estudo

Para a súa elaboración, desenvolveuse un amplo proceso de participación, contando coa colaboración de diferentes axentes. A este respecto, contouse, por unha banda, coa participación de entidades e organizacións especializadas na atención ás persoas maiores (por exemplo, no eido dos servizos de coidados sociosanitarios ou no desenvolvemento de actividades de envellecemento activo, entre outras), as cales aportaron a súa opinión experta e coñecementos privilexiados ao respecto do benestar das persoas maiores froito do seu labor e experiencia. Tamén tomaron parte neste proceso as entidades do tecido asociativo e económico do municipio, en especial aquelas que presentan unha actuación dirixida fundamentalmente ás persoas maiores. E, por suposto, establecéronse vías para a participación das propias persoas maiores, especialmente a través de encontros de debate e reflexión acerca das súas necesidades en diferentes ámbitos, como as relacións sociais e a convivencia, a mobilidade e accesibilidade, ou a saúde e dependencia, entre outros.
Tania Pardo destacou que ”grazas á participación de todas estas persoas e entidades, o presente traballo resultou máis completo e exhaustivo, permitindo detectar as necesidades e retos que se deben afrontar os vindeiros anos para garantir a calidade de vida das persoas maiores en particular, así como orientar as futuras políticas e actuacións neste eido”.

A presentación do estudo será o 3 de outubro

Xa finalizado o estudo, o Concello das Pontes quere facer públicos e dar a coñecer as conclusións obtidas á cidadanía. Para iso, e como forma de conmemorar o Día Internacional das Persoas de Máis idade, celebrarase un encontro de presentación dos principais resultados, o cal terá lugar o martes 3 de outubro ás 11:00h na Casa da Cultura Doutor Dopeso. Tamén contará coa posibilidade de conectarse de forma telemática, pensado especialmente para aquelas persoas e entidades que, non sendo das Pontes, colaboraron no estudo.

A presentación está aberta ao público, e non precisa inscrición previa. Co fin de informar sobre esta presentación ou para solicitar o estudo está habilitado o correo electrónico maiores.aspontes@gmail.com e unha liña telefónica (604.025.160).

A concelleira Tania Pardo mencionou que “este evento o concibimos como unha mostra de agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron na realización do estudo, mais tamén como o proceder normal do Concello no seu compromiso en materia de transparencia e bo goberno”.

0.18687295913696