O Concello das Pontes reclama o servizo de raios X para o centro de saúde

TerraChaXa
O Goberno local faise, novamente, eco dunha demanda social histórica que evitaría o desprazamento dos veciños e veciñas das Pontes a outros municipios
centro-de-saude-as-pontes
20 Dec 2024

O Concello das Pontes reclámalle á Xunta de Galicia a implantación, de forma urxente, do servizo de raios X no centro de saúde do municipio.

Así, o Goberno local faise, novamente, eco dunha demanda social histórica que evitaría o desprazamento dos veciños e veciñas das Pontes aos centros sanitarios de Ortigueira, Pontedeume ou ao hospital de Ferrol.

Desde o Concello apuntan que “en outubro de 2023 xa solicitamos á Consellería de Sanidade unha reunión para abordar esta cuestión e implantar este servizo no noso municipio e volvamos solicitalo en novembro de 2024. As Pontes conta coas instalacións precisas para albergalo e os medios actuais permiten poder informar das probas diagnósticas telematicamente o que suporía, que nin especialistas en radioloxía nin doentes tiveran que realizar desprazamentos innecesarios que implican custes económicos e importantes perdas de tempo que, en última instancia, privan do acceso a unha sanidade universal e gratuíta aos veciños e veciñas das Pontes”

Así mesmo reclama da Xunta de Galicia non só a creación do servizo senón que se dote do orzamento axeitado e suficiente para poder sufragalo sen que teña que ser o Concello das Pontes quen acabe suplementando o gasto.

SERVIZO DE PEDIATRÍA

Por outra banda, desde o Concello das Pontes, ante a situación actual na que se atopa o centro de saúde do municipio, ante a cobertura, de xeito parcial e temporal, das prazas de pediatría asignadas ao centro de saúde, reclaman tamén unha solución para o servizo de pediatría.

O goberno municipal recorda que “só está cuberta unha das dúas prazas asignadas e non durante todos os días da semana o que está a provocar que os menores de 14 anos da nosa vila teñan que ser derivados, en moitas ocasións, aos servizos de atención pediátrica de Ferrol ou ao servizo de urxencias da área sanitaria”.

Esta circunstancia provoca que máis de 1.000 nenos e nenas das Pontes, menores de 14 anos, teñan que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo e, no caso dos menores de tres anos, a situación aínda é máis preocupante ao verse obrigados a desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos por un especialista en pediatría.

Desde o Concello das Pontes remarcan que se trata “dunha situación inadmisible”, recordando que esta situación non é nova. “Non é a primeira vez que desde o Concello das Pontes denunciamos a perda de servizos sanitarios no noso municipio, especialmente grave cando falamos de nenos e nenas. Non entendemos a falta de interese da Xunta de Galicia para articular solucións para non reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais e garantir un dereito fundamental de todos os veciños e veciñas das Pontes, especialmente da poboación infantil”.

0.16441583633423