O Concello das Pontes reúnese con veciños para debatir sobre o Plan de Mobilidade

TerraChaXa
O Concello das Pontes vén de celebrar un encontro participativo para coñecer as opinións sobre a mobilidade na vila e o PMUS.
plan urbano sostible_as pontes
13 Jul 2021

O Concello das Pontes vén de celebrar un encontro participativo para coñecer as opinións e demandas da cidadanía en relación á mobilidade na vila e á elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Un plan que ten como finalidade servir como ferramenta de planificación estratéxica do territorio impulsando o fomento dunha mobilidade sostible, a procura dunha accesibilidade universal e a transformación de múltiples hábitos da mobilidade urbana.

Tras a benvida ao encontro, no que participaron preto de 50 persoas, por parte da concelleira-delegada especial de Organización Económica, Maite Méndez; o equipo redactor explicou ás persoas participantes a finalidade do Plan, así como os resultados xa acadados mediante o traballo de campo e análise técnica da mobilidade no municipio.

Unha investigación que permitiu obter información sobre o número de vehículos por habitante, o número de prazas de estacionamento, a porcentaxe de beirarrúas con pendente inferior ao 6%, a porcentaxe de beirarrúas cun ancho inferior a 1,80m e a porcentaxe do espazo público reservado ao vehículo e ao peón.

A continuación o equipo técnico encargado da participación social, expuxo os resultados provisionais obtidos na enquisa online, lanzada fai un mes, na que se afondaba en aspectos relacionados coa mobilidade no municipio tales como a calidade das infraestruturas e servizos para cada un dos medios de transporte, a seguridade percibida para transitar a pé e en bici polo municipio ou a percepción da accesibilidade universal.
Posteriormente, realizouse unha dinámica participativa na que as persoas asistentes ían respondendo a unha serie de preguntas que lanzaba o equipo técnico encargado da participación, ao tempo que podían ver en tempo real as respostas ofrecidas en conxunto.

Esta dinámica permitiu que as persoas participantes trasladaran as súas opinións e propostas, que serán tidas en conta na redacción do Plan, relativas ás prazas de aparcadoiro, a ordenación do mobiliario urbano, a creación de prazas para residentes, a potenciación de espazos para peóns, a creación de aparcadoiros para bicicletas ou a cobertura das prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, entre outros asuntos. Tamén expuxeron as súas dúbidas que o equipo redactor puido aclarar.

Proximamente, co peche da enquisa online e coa realización de enquisas presenciais o día 15 de xullo, darase por pechado o prazo para recoller propostas da cidadanía para ser incluídas no Plan. Para acceder á enquisa, está habilitado o seguinte enlace:
http://plandemobilidade.com/aspontes

0.16645908355713