O Concello das Pontes ultima unha ordenanza sobre construción e edificacións
O concello das Pontes traballa na posta en marcha dunha ordenanza reguladora das construcións, edificacións e instalacións existentes que se atopan fora do ordenamento urbanístico municipal en vigor.
A ordenanza, en palabras do concelleiro de Urbanismo, Antonio Alonso, “permitiranos contar cunha normativa, que atende ao interese xeral dos veciños e veciñas, e que aporta unha solución a problemas urbanísticos de determinadas construcións, con trinta ou corenta anos de antigüidade, o cal garantirá a seguridade xurídica da veciñanza das Pontes”.
A nova ordenanza Municipal, que se incorporará ao plan municipal e suporá unha modificación puntual das vixentes Normas Subsidiarias das Pontes, establece as distintas situacións que se dan no chan urbano así como os trámites administrativos necesarios para a súa adaptación co obxectivo de situalas dentro da ordenación urbanística.
A ordenanza será de aplicación aos edificios que proveñen de plans anteriores, e que por diferentes motivos quedaron inacabados, ou non se axustaban ás determinacións das normas publicadas con posterioridade ao comezo das obras.
Tamén será de aplicación a edificacións que carecen de licenza, ou foron executadas sen respectala e, por tanto, atópanse nunha situación irregular. Así mesmo regulará as edificacións que obtiveron licenza, e cuxas obras foron iniciadas, pero que por diferentes motivos paralizáronse, caducando as licenzas facendo inviable a súa adaptación á normativa vixente.
Así mesmo, a nova ordenanza regulará a situación das edificacións existentes de carácter tradicional en calquera categoría de chan do núcleo rural e de chan rústico.
“Todas estas situacións fora de ordenación provocan consecuencias, limitan as obras que se poden realizar nos edificios afectados, non só en canto a súa rehabilitación senón tamén en canto a ampliacións, cambios de uso e asi mesmo, supoñen unha perda do seu valor económico. O artigo 90.2 da lei 2/2026 do Solo de Galicia permite a redacción de esta ordenanza reguladora que desde o Concello das Pontes elaboramos co obxectivo de contribuír a resolver unha problemática que afecta a numerosos veciños e veciñas das Pontes” remarca Antonio Alonso.