O Concello de Abadín cambiará mil lámpadas nas parroquias á tecnoloxía LED
O Concello de Abadín procederá nos próximos días ao cambio de luminarias en todo o termo municipal.
Segundo indicou o alcalde, José María López Rancaño, serán un total de mil lámpadas as que pasarán a usar a tecnoloxía LED “para axudar ao aforro dos cartos da veciñanza”.
Segundo explicou o alcalde, Abadín, debido ás súas características de dispersión, non ten nas parroquias alumeado público propiamente, e as lámpadas situadas en espazos públicos están conectadas aos contadores das vivendas.
“Temos 196 núcleos rurais cunhas mil casas en total e temos moitas distancias entre elas para poñer alumeado público, por iso fai anos decidiuse colocar as lámpadas en cada vivenda e conectadas a cada casa, polo que está medida suporá unha importante medida de aforro para as familias de Abadín”, engadiu Rancaño.
Con este cambio, que implicará ao Concello un desembolso de 50.000 euros de fondos propios, quedarán cambiadas todas as luminarias do territorio.