O Concello de Abadín completa a renovación integral dos vestiarios do campo de fútbol

O Concello de Abadín vén de rematar a renovación integral dos vestiarios do campo de fútbol municipal, unha actuación coa que se continúa a mellorar as instalacións deportivas apostando polo confort das persoas usuarias, a eficiencia enerxética e o uso responsable dos recursos públicos.
Os traballos incluíron a instalación dun novo sistema de auga quente independente para os vestiarios de equipos locais, visitantes e árbitros, o que permite ofrecer un mellor servizo e un maior control do consumo. Ademais, cada vestiario conta agora cun sistema de climatización individual, mellorando de forma notable as condicións de uso tanto no inverno como no verán.
A intervención contemplou tamén diversas melloras estruturais e de servizos. Renováronse a cantina e o aseo do público mediante a colocación de chapa sándwich, incrementando o illamento térmico e a eficiencia enerxética do conxunto. Do mesmo xeito, instaláronse novas duchas con pulsador para favorecer o aforro de auga, así como novos aseos nos vestiarios.
Con estas actuacións, o Concello de Abadín reforza o seu compromiso cun deporte de calidade, con instalacións modernas e funcionais, e cunha xestión responsable e sostible das infraestruturas municipais.