O Concello de Abadín contará cun tractor para roza grazas a un convenio con Medio Rural

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou con 19 alcaldes de toda Galicia os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes municipios.
27 Aug 2018

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou con 19 alcaldes de toda Galicia os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes municipios. Entre todos os asinantes, só  un dos concellos pertence á Terra Chá, Abadín, que se sumará tamén aos lugueses de Baralla, Mondoñedo, Navia de Suarna e O Valadouro.

En virtude destes acordos, Medio Rural financiará a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso. A axuda destinarase á adquisición dun tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente aboarao cada concello.

A Consellería continuará con esta iniciativa e en breve proseguirá achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros este ano, para a adquisición de novos tractores, ata chegar a 35 neste exercicio. Estes sumaranse aos 35 subvencionados en 2017, co que xa serán 70 os apeiros financiados, que prestarán servizo a un total de 81 entidades locais. O propósito de Medio Rural é seguir con esta iniciativa o vindeiro ano, para facilitar aos concellos a execución destes traballos de limpeza nas infraestruturas rurais, predios e redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

En total son tres as vías de colaboración cos municipios. Dunha banda, estes 19 convenios que se asinaron hoxe e aos que os concellos poden optar, por orde de prioridade, de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.

Doutra parte, e dado que non todos os concellos podían optar a estas axudas por non cumprir coas referidas condicións, incorpórase unha segunda modalidade, a través das xefaturas territoriais. Serán elas as que cheguen a acordos de colaboración coas entidades locais para o uso desta maquinaria, que seguirá sendo propiedade da Consellería. En concreto, as xefaturas da provincia da Coruña e Lugo recibirán tres tractores cada unha, cinco a de Ourense e catro a de Pontevedra.

Ademais, hai un caso particular no que se contou coa colaboración da Deputación de Ourense, para a adquisición dun tractor destinado ao concello de Larouco. A conselleira asinou recentemente co seu alcalde, Joaquín Prieto, un convenio de colaboración polo que Medio Rural achegará un total de 102.850 euros para apoiar esta iniciativa, mentres que a entidade local aportará outros 32.000 euros, financiados polo organismo provincial.

Obrigas

A través destas colaboracións a Xunta facilita aínda máis aos concellos o cumprimento das súas obrigas en canto a execución das rozas e o mantemento das vías municipais. A esta medida hai que sumar os tradicionais convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais; e o novo acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns de euros ata o 2021 para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.

Este convenio marco, ao que se poden adherir os concellos que o desexen, de acordo cuns criterios de prioridade acordados coa propia Fegamp, foi publicado hai unha semana no Diario Oficial de Galicia e os municipios dispoñen dende aquela data dun mes para sumarse ao acordo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14765095710754