O Concello de Abadín renovará o ximnasio municipal e habilitará un novo salón de actos

TerraChaXa
A actuación contará cun orzamento de 51.144,63 euros, financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader
ximnasio-abadin
24 Feb 2026

O Concello de Abadín levará a cabo nos próximos días unha reforma integral do ximnasio municipal, unha actuación que incluirá tamén a creación dun novo salón de actos no mesmo edificio co obxectivo de ampliar e mellorar os servizos dispoñibles para a veciñanza. O proxecto permitirá dotar ao municipio dun espazo máis versátil, destinado tanto á práctica deportiva como á realización de actividades culturais e escolares.

A intervención prevé a reorganización do inmoble en dúas zonas diferenciadas. Aproximadamente tres cuartas partes do espazo destinaranse á creación dun salón de actos completamente novo, que contará con butacas e sistema de son, pensado para acoller actos culturais, educativos e outras actividades colectivas. O resto do edificio reservarase para o ximnasio, que será reformado na súa totalidade e no que se procederá á renovación completa das máquinas e do equipamento deportivo.

A actuación contará cun orzamento de 51.144,63 euros, financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. Está previsto que as obras se inicien de maneira inmediata e teñan unha duración aproximada dun mes. Ademais das melloras funcionais, o proxecto inclúe a adecuación do espazo con nova carpintería, revestimentos e illamentos, co fin de mellorar o confort e a eficiencia das instalacións.

O acceso ao ximnasio continuará a ser gratuíto, aínda que se implantará un sistema de control mediante código de entrada para garantir unha mellor organización e uso do servizo. Desde o Concello destacan que esta actuación responde ás demandas das persoas usuarias e supón un paso importante para ampliar a oferta de infraestruturas deportivas e culturais en Abadín.

0.09391713142395