O Concello de Abadín saca a licitación as obras de tres camiños en Vilarente

TerraChaXa
O Concello de Abadín sacou a licitación as obras de mellora de camiños en A Pedrosa e Cabaza na parroquia de Seivane de Vilarente.
estrada maquinaria firme mellora obras
9 Xul 2022

O Concello de Abadín sacou a licitación as obras de mellora de camiños en A Pedrosa e Cabaza na parroquia de Seivane de Vilarente, con cargo ao Plan de mellora de camiños municipais de accesos a parcelas agrícolas 2022-2023 Agader, que teñen un orzamento de 88.959 euros.

Estes atópanse en mal estado de conservación debido a súa antigüidade, ao uso intensivo e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo.

Os camiños sobre os que se proxectan as actuacións son, por unha parte o Camiño a Pedrosa 1, un viario que une A Pedrosa coa igrexa de Seivane de Vilarente, parroquia de Seivane de Vilarente (San Xoán), cuxo pavimento actual está formado por aglomerado deteriorado. Ten unha lonxitude de 1.216 metros.

No mesmo lugar actuarase sobre un segundo camiño, que une o anterior coa LU-P0102 en A Pedrosa cunha lonxitude de 155 metros.

Hai un terceiro camiño a traballar, que parte do que une A Pedrosa coa igrexa de Seivane de Vilarente (C1), co núcleo de Cabaza de 730 metros de lonxitude.

Os traballos a realizar serán o estendido dunha capa de mestura asfáltica en quente tipo AC16 SURF 50/70 D de 5 cm de espesor. Tamén se proxecta a limpeza de foxos para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.

O prazo de execución das obras é de tres meses tendo data de finalización o día 3 de outubro.

0.088804006576538