O Concello de Abadín volve sacar a licitación o peche do pavillón de Moncelos
O Concello de Abadín volveu sacar a licitación este mes a obra do pavillón de Moncelos, que consistirá na execución dun peche de vidro nas dúas fachadas que faltan por pechar, de altura variable, seguindo a liña marcada polo peche de bloque actual.
Prevese tamén o tratamento, previo e posterior, dos piares metálicos existentes, sobre os que se aparafusará o novo cerramento.
Previamente á execución do peche de vidro, será necesario preparar os piares sobre os que se aparafusará a nova fachada. Retiraranse as chapas de protección actuais e executarase unha limpeza superficial mediante a proxección en seco de material abrasivo, eliminando case toda a capa de laminación, o óxido visible e as partículas estrañas do soporte.
Estableceuse un orzamento de 113.189 euros con IVE incluído. Esta obra está financiada con cargo ao Plan Único da Deputación de 2023.