O Concello de Alfoz contará cun orzamento de dous millóns de euros para 2019
Os veciños de Alfoz contarán con 2 millóns para o 2019. Así o adiantou o alcalde, Jorge Val Díaz, que presentou no pleno a proposta de orzamento do seu goberno para a súa aprobación. “É un dos orzamentos máis altos da historia do Concello. Supón un aumento de 700.000 euros con respecto ao 2015, o último presuposto do PP, que representa un 35% máis. Dende que cheguei á Alcaldía, traballamos para recadar máis fondos públicos co principal obxectivo de mellorar os servizos municipais aos nosos veciños”, explica.
“Unha prioridade para este goberno son os servizos sociais, por este motivo aumentamos un 15% os fondos para estas prestacións. Isto permitiranos atender a máis de 100 maiores do noso Concello co Servizo de Axuda no Fogar Básico e para dependentes”.
O rexedor socialista explicou que para investimentos hai unha partida de 630.000 euros e confía en que a cifra se poida ampliar. “Quero agradecer ao Goberno Provincial do PSOE na Deputación a súa implicacións pois xa nos garante a súa colaboración co Plan Único. Agardo que este ano a Xunta de Galicia teña, cando menos, a mesma consideración cos veciños de Alfoz”.
“Este ano remataremos o proxecto de mellora de traídas de auga municipais, co que nos comprometemos ao principio do mandato, cumprindo coa palabra dada aos nosos veciños”.
“Arranxaremos e acondicionaremos o firme de máis estradas, camiños e accesos municipais e instalaremos máis alumeados públicos nas zonas rurais, atendendo unha das maiores necesidades veciñais no municipio. Dinamizaremos economicamente e socialmente o Concello impulsando e promovendo a celebración de actividades turísticas, deportivas e culturais, como o Mercado Medieval.