O Concello de As Pontes licita unha nova fase das obras de mellora da rúa Pardo Bazán

TerraChaXa
A execución da obra inclúe unha reordenación completa do tráfico, establecendo un sentido único de circulación para resolver os puntos conflitivos
rua-pardo-bazan-as-pontes
23 Feb 2026

O Concello das Pontes de García Rodríguez vén de aprobar o expediente de licitación da segunda fase das obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa Pardo Bazán, cun investimento de 225.647 euros procedentes da Deputación da Coruña.

Esta actuación forma parte dun plan progresivo de rehabilitación do vial iniciado coa primeira fase en 2022 e permitirá mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos servizos urbanos, seguindo os estándares e a estética empregados na primeira intervención.

A execución da obra inclúe unha reordenación completa do tráfico, establecendo un sentido único de circulación para resolver os puntos conflitivos provocados polo estreitamento da vía e optimizando o estacionamento en paralelo.

As beirarrúas serán totalmente renovadas con baldosas de formigón, eliminando desniveis e garantindo a accesibilidade segundo a normativa vixente, mentres que a calzada se axustará cunha nova capa de aglomerado en quente, tamén sobre unha solera de formigón que asegura estabilidade e durabilidade.

Ademais, realizarase a instalación dun novo sistema de saneamento separativo, diferenciando augas pluviais e fecais, conectando cada edificación coas acometidas oportunas e mantendo en uso os colectores existentes en bo estado.

O proxecto contempla tamén a modernización do alumeado público, co levantamento dos farois existentes e a instalación de nove novos báculos con luminarias LED de alta eficiencia, garantindo unha iluminación óptima para vehículos e peóns, así como a conexión segura á rede eléctrica existente.

No ámbito da urbanización, realizaranse a reposición da sinalización horizontal e vertical, a colocación de mobiliario urbano que inclúe bancos, papeleiras e xardineiras, e a limpeza final da obra.

Tamén se definirán as prazas de estacionamento público, incluíndo unha praza adaptada para persoas con mobilidade reducida, e reporase a pintura viaria sobre o novo aglomerado.

O tramo a intervir ten aproximadamente 140 metros de lonxitude e abarca unha superficie de 1.420 m², completando a urbanización da rúa ata a súa conexión coas rúas Antonio Machado e Ronda do Poboado, garantindo un espazo máis seguro, accesible e funcional para veciños e usuarios.

0.089968919754028