O Concello de Barreiros retrasa o cobro dos recibos de auga
O goberno municipal acordou coa empresa encargada da xestión de clientes do servizo municipal de subministro de auga o aprazamento da emisión de recibos do primeiro bimestre do ano, que correspondería cobrar no mes de abril.
Debido á situación producida polo COVID-19 o concello de Barreiros paralizou o cobro de recibos ata que se garantira que aquelas persoas que sufriron consecuencias laborais, como perdas de emprego ou ERTES, percibiran as respectivas axudas.
Por esa razón, os recibos domiciliados cargaranse en conta o 15 de maio e o período para o pago voluntario dos mesmos amplíase desde o 18 de maio ao 31 de xullo.
Desde o goberno municipal lembran tamén que aquelas persoas que non poidan afrontar o pago poden solicitar no Concello (mediante sede electrónica ou poñéndose en contacto telefónico para recibir as indicacións) o seu aprazamento, fraccionamento ou mesmo axuda para facerlle fronte e que, en ningún caso, se realizarán cortes de subministro por estas razóns nestas circunstancias.
O importe correspondente ao canon da auga e coeficiente de vertedura marcados pola Xunta de Galicia facturaranse, seguindo o mandato da Administración autonómica, en base ao volume establecido pola ordenanza, regularizándose posteriormente cando se retome a lectura de contadores; sen que poida eximirse en ningún caso do pago do mesmo.