O Concello de Begonte celebrará un acto institucional para nomear Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto

O Concello de Begonte celebrará este sábado 28 de febreiro, ás 12.00 horas, un acto institucional na Casa da Cultura, ao que está convidada toda a veciñanza. A sesión servirá para recoñecer publicamente a traxectoria e o compromiso de dúas persoas vencelladas de maneira destacada á vida social, institucional e cultural do municipio de Begonte.
Durante o acto, será nomeado Fillo Adoptivo José Antonio Vázquez García, quen exerceu como alcalde do Concello de Begonte durante catro anos e como tenente de alcalde desde 2011 ata o seu pasamento, ademais de desenvolver o seu labor profesional como Axudante Técnico Sanitario na localidade. O recoñecemento destaca a súa dedicación ao servizo público e o seu compromiso continuado coa comunidade.
Así mesmo, concederase o título de Fillo Predilecto a Jesús Domínguez Guizán, crego de Damil, Felmil, Valdomar, Illán e Trobo, párroco de Begonte e presidente do Centro Cultural que leva o seu nome. O Concello salienta o seu papel como impulsor do Belén de Begonte e a súa achega fundamental á dinamización cultural e social do municipio ao longo dos anos.