O Concello de Begonte crea un servizo de ludoteca gratuíto para a conciliación familiar

TerraChaXa
Comezará o 15 de xullo para funcionar todo o verán e continuará no inverno con atención polas tardes
campamento-actividades-nenos
Nenos xogando e cartel
9 Xul 2024

O Goberno Municipal do Concello de Begonte nos últimos anos puxo en marcha un programa de reforma educativa enfocada tanto na mellora das instalacións como na mellora da calidade educativa e a conciliación da vida familiar e laboral no que cabe destacar o renovado CEIP plurilingüe Virxe do Corpiño, a Escola Municipal de Música e conservatorio e a Escola Infantil, en construción.

A estas iniciativas súmase o programa madrugadores, que tan boa acollida tivo nestes últimos anos, que se implementa dende agora coa colaboración da Xunta de Galicia para a posta en funcionamento dunha ludoteca que pretende colaborar coas familias na conciliación da vida familiar e laboral.

O servizo poñerase en marcha o vindeiro día 15 de xullo. Durante o período estival levarase a cabo no edificio da Antiga cámara agraria en horario de 8:30 ás 15:00h, mentres que ao comezo do curso escolar, se trasladará ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño, incluíndo o actual programa madrugadores, que se presta de 8:00 a 9:30, e estendéndose despois da xornada lectiva entre as 16:00 e as 20:00h.

Para poder participar neste programa é necesario cubrir un formulario cos datos dos/as nenos/as interesados/a e entregalo no Concello de Begonte en horario de 09:00 a 14:30h ou telematicamente pola sede electrónica.

"Estamos a traballar para que vivir en Begonte deixe de ser un atranco e unha desvantaxe para ser unha oportunidade de vivir nun entorno rural con todas as comodidades e servizos dunha gran cidade", din desde o Concello.

ludoteca-servizo-conciliacion-familiar
0.18490815162659