O Concello de Begonte inviste 350.000 euros na renovación dos vestiarios do pavillón de Baamonde

TerraChaXa
A primeira fase da reforma inclúe a construción dun novo edificio anexo cun prazo de execución de cinco meses
pavillon-baamonde
12 Feb 2025

O Concello de Begonte vén de sacar a licitación a primeira fase da renovación integral do pavillón municipal de Baamonde cun orzamento de 349.960,83 euros. Esta fase céntrase na creación dun novo bloque de vestiarios nun anexo independente, que permitirá mellorar as instalacións sen interromper a actividade deportiva habitual.

Segundo explicou o alcalde, José Ulla, esta renovación era urxente debido ao uso continuo do pavillón, con competicións e adestramentos diarios, polo que o prazo de exectución establécese en cinco meses.

Para levar a cabo esta mellora, o Concello adquiriu unha parcela contigua ao polideportivo. O anexo construído contará con 312 metros cadrados, dos cales 280 serán útiles, e incluirá seis vestiarios independentes: catro destinados a equipos locais e visitantes, e dous específicos para árbitros, ademais de aseos adaptados.

A actuación completarase cun acceso directo dende o exterior, permitindo unha mellor circulación dos xogadores e espectadores, especialmente os que chegan en autobuses.

Plans de futuro para o pavillón

Esta intervención é só o primeiro paso dun plan máis ambicioso para a renovación integral do pavillón de Baamonde. Nunha fase posterior, prevese a substitución da cuberta e a reforma da pista e as gradas, incorporando unha bancada máis ampla con capacidade para 500 persoas e unha nova sala polivalente de 300 metros cadrados.

A seguinte fase da remodelación está prevista para o verán, coincidindo coa pausa estival das competicións.

O financiamento desta primeira fase xa está garantido grazas a un acordo co Consorcio de Medio Ambiente, que concedeu un préstamo a interese cero, a devolver en dez anos. Ademais, o Concello buscará apoio da Xunta e da Deputación para completar as seguintes fases.

En total, o proxecto de remodelación do pavillón terá un custo aproximado de 1,4 millóns de euros.

As empresas interesadas no proxecto teñen de prazo de presentación de ofertas ata o 19 de febreiro.

0.066643953323364