O Concello de Begonte licita a xestión da nova escola infantil

TerraChaXa
As empresas interesadas deberán presentar as súas ofertas antes do 14 de xaneiro
escola-infantil-begonte
9 Jan 2025

O Concello de Begonte puxo en marcha o proceso de selección para adxudicar a xestión da súa nova escola infantil municipal, un servizo dirixido a menores de entre 0 e 3 anos. O contrato inicial terá unha duración dun ano, con opción de prórroga por outro ano adicional, e contará cun orzamento estimado de 232.877 euros, dependendo do número de prazas cubertas e os custos asociados.

A instalación, situada nas inmediacións do CEIP Virxe do Corpiño, contará cun total de 36 prazas, organizadas en tres grupos: oito para menores de 0 a 1 ano, 13 para nenos de 1 a 2 anos e 15 para o tramo de 2 a 3 anos. Este novo servizo amplía a oferta educativa da vila, que ata o de agora dispoñía dunha Casa Niño como única opción.

A xestión incluirá tarefas relacionadas coa atención infantil, servizos de alimentación e organización de actividades educativas e recreativas. Ademais, o horario de atención, previsto inicialmente de 8:00 a 16:00 horas, poderá ampliarse ata as 20:00 horas para adaptarse ás necesidades das familias usuarias. Estará aberto once meses ao ano os días laborables e pechará en agosto.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 14 de xaneiro para presentar as súas propostas e optar á xestión deste importante proxecto para a comunidade de Begonte. As empresas demandantes deberán contar con persoal cualificado e con titulación para a dirección e atención dos pequenos.

0.16502904891968