O Concello de Begonte organiza un curso gratuíto de poda de árbores froiteiras o venres

O Concello de Begonte, en colaboración coa Reserva da Biosfera Terras do Miño, organizará un curso gratuíto de poda de árbores froiteiras co obxectivo de ofrecer formación práctica ás persoas interesadas no coidado e mantemento deste tipo de cultivos.
A actividade desenvolverase o venres 6 de marzo en horario de 16.00 a 20.00 horas na Aula da Natureza I, situada ao carón do Centro Médico de Begonte. A sesión permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos técnicos básicos sobre as técnicas de poda, os momentos máis axeitados para realizala e os coidados necesarios para favorecer unha correcta produción e saúde das árbores.
As prazas son limitadas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Begonte. Para participar será necesario formalizar a inscrición antes do mércores 4 de marzo, ben de maneira presencial nas oficinas municipais en horario de 9.00 a 14.30 horas, ou a través do teléfono 982 39 61 43.
Desde o Concello sinalan que esta iniciativa enmárcase na súa aposta pola formación ambiental e polo aproveitamento sostible dos recursos naturais, promovendo ao mesmo tempo a conservación das variedades froiteiras tradicionais da contorna.