O Concello de Burela investirá na reconstrución dunha grada na Marosa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O vindeiro martes, 8 de setembro, haberá un pleno extraordinario do Concello de Burela, no que se someterá a aprobación unha modificación de crédito destinada á reconstrución dunha grada no campo de herba natural da Marosa e ao arranxo dun perímetro de valado que hai no de herba artificial.
5 sep 2020

O vindeiro martes, 8 de setembro, haberá un pleno extraordinario do Concello de Burela, no que se someterá a aprobación unha modificación de crédito destinada á reconstrución dunha grada no campo de herba natural da Marosa e ao arranxo dun perímetro de valado que hai no de herba artificial. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que se trata dunhas obras moi demandadas.

O rexedor contou que “o próximo martes imos facer un pleno extraordinario basicamente para dous asuntos a tratar. Un deles é unha modificación de crédito para poder realizar dúas obras moi importantes, moi necesarias e moi urxentes no campo de fútbol de herba natural da Marosa. Hai que facer practicamente a reconstrución dunha grada, que está moi deteriorada polo tempo que xa leva construída e pola proximidade do mar que ocasiona un problema de oxidación e está realmente afectada esa grada e polo tanto hai que facer unha reconstrución case total. Por outro lado, tamén derivado do mesmo problema de oxidación, un perímetro de valado que hai no campo de herba artificial e que está moi deteriorado vaise substituír. Para estas obras, polo seu carácter urxente para que non se deterioren máis e para ter seguridade nas instalacións deportivas, faise unha modificación de crédito e parte dos cartos van saír da liquidación positiva do ano pasado, do superávit, e outra parte da remanente que temos tamén neste Concello”.

Alfredo Llano explicou que “estas dúas obras no seu conxunto ascenden 281.500 euros practicamente, dos cales 242.500 van ser para amañar a grada do campo de fútbol e os outros 39.000 practicamente para cambiar o valado do perímetro campo de fútbol de herba artificial”.

O alcalde subliñou que “isto é algo moi solicitado pola xente que vai alí adestrar e vendo os partidos de fútbol, pero ademais temos documentado con informes técnicos que a necesidade é urxente. Por esa razón fixemos esta modificación de crédito, que está completamente xustificada. E, por outro lado, tamén vamos levar ao pleno unha cuestión relativa á Conta Xeral. Imos iniciar os trámites que marca a normativa para posteriormente aprobar esta Conta Xeral nun pleno máis adiante”.

Este pleno extraordinario vaise celebrar telematicamente o próximo martes, día 8 de setembro, ás 20:00 horas.

0.13709783554077